(Info: Obradoiro CAB) Durante o descanso do Partido do Federado, disputado este fin de semana ante UCAM Murcia, o equipos santiagués realizou unha homenaxe moi especial ás seleccións galegas de minibasket, infantil e cadete.
Neste acto, que xa se está convertendo en tradición, o máis dun centenar de xogadores, xogadoras e os seus corpos técnicos baixaron á pista nada máis comezar o descanso para comezar a homenaxe. Alí esperábanlles a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o membro do Consello de Administración do Rio Natura Monbus Obradoiro, Óscar Rodríguez, que saudaron e felicitaron a cada un deles polo seu traballo e esforzo.
Posteriormente colocáronse para realizar a tradicional foto de familia e, antes de abandonar a pista baixo o aplauso de toda a afección obradoirista, apiñáronse todos xuntos para despedirse co berro: 1,2,3 ¡Galicia!.
Os equipos galegos acadaron as seguintes posicións nos seus campionatos de España correspondentes: cadete masculino (15º), cadete feminino (7º), infantil masculino (6º), infantil feminino (5º), mini masculino (6º) e mini feminino (5º).
O Rio Natura Monbus Obradoiro felicita, un ano máis; a cada un dos integrantes dos equipos das seleccións galegas polos resultados obtidos, ademais de pola súa implicación, dedicación, loita e esforzo.