O Baloncesto Galego recibe boas novas dende o país veciño: o ascenso á LPB, máxima competición lusa, por parte do Dragon Force, equipo aos mandos do noso compatriota Moncho López, rexistrouse con ledicia esta fin de semana.
O técnico de Narón, ex seleccionador español e bo coñecedor dos nosos banquillos, acadou o indicado premio ás rendas do Dragon Force, equipo herdeiro do xa desaparecido FC Porto.
O combinado luso obtivo a recompensa ao seu traballo na fase regular da denominada “Proliga”, segunda división portuguesa. Os “dragóns” acreditaron o seu éxito grazas a súa última vitoria ante o Illiabum (70-58), trunfo materializado este sábado 29 e co que obteñen de xeito matemático a primeira plaza. Ésta dálles dereito a un posto na citada LBP, así como ao pase aos playoffs definitivos polo título da “Proliga”
Parabéns
A Área Deportiva da FGB, fiel seguidora da traxectoria dos adestradores galegos, tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, desexa trasladar os seus parabéns a Moncho López e, por suposto, a todo o seu equipo, un bloque novo que de seguro aínda ten moito que dicir na competición.
Así mesmo, a FGB desexa recoñecer o traballo levado a cabo por Moncho López en terras portuguesas dende a súa chegada no ano 2008, facéndose cargo en primeira instancia da Selección Nacional e fichando, posteriormente, (2009) pola disciplina do FC Porto.