O Road Show 2014 percorrerá Pontevedra xunto con Fernando Romay

O Programa de actividades da FGB “Galicia 2014. Imos pola Copa” achega a Pontevedra tres días de intenso baloncesto durante este sábado 3, domingo 4 e luns 5 de maio. 

Así o deron a coñecer esta mañá no Concello de Pontevedra o propio concelleiro de Deportes da vila, Agustín Fernández; o Presidente FGB, Francisco Martín; o Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Miguel Ángel Pérez; o Responsable da Área Deportiva FGB, Carlos Colinas; o Delegado FGB en Arousa, José Luis Renda; e os representantes de C.B Arxil e Estudiantes de Pontevedra, colaboradores indispensables para poder achegar á súa cidade esta festa do Baloncesto.

A Praza de España de Pontevedra acollerá ao Road Show da Copa do Mundo FIBA 2014 durante os próximos 3, 4 e 5 de maio ao longo de tres xornadas dedicadas por completo ao baloncesto, coa presenza do museo itinerante da Copa do Mundo e unha pista de basket onde se realizarán actividades dirixidas aos máis pequenos coa presenza do embaixador FEB, Fernando Romay.

Tras visitar máis de 40 localidades no último ano, o Road Show da Copa do Mundo FIBA de baloncesto quenta motores para a súa xira europea – que arrincará en Milán o 15 de maio- cunha parada en Pontevedra. Será a segunda vez que Galicia reciba ao camión articulado e farao xunto a unha lenda da nosa Comunidade como é Fernando Romay.

Medallista olímpico e europeo, o pívot de 2,13 gozará da calor dos afeccionados con dous clinics. O primeiro deles celebrarase na Praza de España o día 3 de maio das 13.00 h ás 14.00 h. Ao día seguinte, e á mesma hora, Romay volverá a deleitar a todos con outra lección maxistral ensinando os conceptos básicos do baloncesto dun xeito ameno e divertido.

Pero a lenda non será o único centro de atención. Dentro do camión do Roadshow os afeccionados poderán descubrir auténticos tesouros da historia do baloncesto como o libro de normas de James Naismith, material usado por lendas como Dikembe Mutombo ou unha gran cantidade de xogos interactivos que farán as delicias dos máis pequenos. En torno ao camión situarase a “cancha Vodafone” onde os pontevedreses gozarán das diversas actividades programadas.

XIII edición do “Día do Baloncesto. 3×3 na Rúa”
O luns 5 de maio, o último día do Road Show en Galicia, sumará ademais o aliciente da celebración, por parte de C.B. Arxil, da XIII edición do “Día do Baloncesto. 3×3 na Rúa”.

Coa mesma,  instalaranse 32 pistas de xogo para dar cabida a un torneo de baloncesto 3×3 reunindo a 1.080 escolares xunto a 75 profesores e 50 voluntarios. Esta competición amigable disputarase de 9.50 h a 13.10 h, pero, á súa vez, o camión do Road Show seguirá aberto para todos os visitantes e tamén contará coa presenza de Fernando Romay, que en está ocasión asinará autógrafos e farase fotografías cos afeccionados. O baloncesto volve conquistar novamente as rúas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram