O Rio Natura Monbus Obradoiro – Bilbao Basket: Partido do Federado

O Rio Natura Monbus Obradoiro prepárase para recibir en Sar a un dos equipos máis fortes na clasificación da temporada desta Liga Endesa, o Bilbao Basket (domingo 12 de abril, 18.00 horas). Esta cita ante os bilbaínos terá un compoñente especial, converténdose no Partido do Federado con descontos particulares para eles e coa celebración dunha merecida homenaxe á Selección Galega Cadete Feminina e a “La Rosaleda”.

O combinado autonómico que participou no Campionato de España Cadete a cargo de José Jesús Vázquez estará o domingo na pista do Multiusos Fontes do Sar para recibir o aplauso de toda a afección obradoirista, do propio club e da FGB. Todo, en recoñecemento do seu 5º posto na cita nacional, a mellor clasificación da temporada 2014 – 2015 para as Seleccións Galegas.

A consideración farase extensiva tamén a “La Rosaleda”, principal apoio e patrocinador das Seleccións Galegas durante a vixente temporada na que non faltou a súa presenza nos tres Campionatos de España disputados (Cadete, Infantil e Minibasket), así como en cada unha das concentracións de traballo.

Promoción “Día Do Federado”
O encontro ante o Bilbao Basket será tamén obxectivo dunha atractiva oferta para os federados de Baloncesto de toda Galicia. En virtude da mesma, estes e os seus familiares en primeiro grado poderán comprar entradas para o que será único partido xogado en Sar durante o mes de abril a 9 euros en Tribunas 2 e Fondos ou a 15 euros en Tribunas 1.

As entradas pódense adquirir desde xa con estes prezos tanto mediante a páxina web do club (www.obradoirocab.com), como en oficinas de luns a venres ou na taquilla o día do partido. Nas portas de acceso o día do partido, poderase solicitar a documentación acreditativa de tal condición, tanto a ficha de federado como o libro de familia.

Por outra banda, estarán os habituais Prezos Reducidos, nesta ocasión, para abonados, menores de 18, estudantes menores de 25, parados de longa duración e maiores de 65. Estes colectivos teñen pases a 19 euros en Tribunas 2 e Fondos ou 25 euros en Tribunas 1.
Os demais prezos sen descontos son de 25 euros en Tribunas 2 e Fondos, 29 euros en Tribunas 1 e 35 euros en Tribunas Retráctiles.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram