Concello e Federación Galega de Baloncesto amosaron o seu compromiso de colaboración en accións que repercutan positivamente nos clubs da cidade.
Importante e cordial toma de contacto entre o novo equipo directivo da Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Lugo.
A Alcaldesa lucense, Lara Méndez; recibiu este martes, 28 de febreiro; na súa cidade ao novo Presidente FGB, Julio Bernárdez; que compareceu acompañado polo delegado FGB na provincia de Lugo; Alejandro Alcalde, e pola Secretaria Xeral Federativa, Susana Fernández. Os desexos de colaboración mutua en prol do Baloncesto, e do impulso dos valores que representa, presidiron esta primeira xuntanza de ambas as entidades, comprometidas cun traballo común en diferentes áreas.
Lara Méndez informou da posible futura realización dunha nova infraestrutura deportiva que mellorará amplamente a oferta de instalacións na súa cidade.
Bernárdez, pola súa banda, ofreceu toda a colaboración posible dende o ámbito federativo para unha cidade referente no Baloncesto nacional, cun amplo tecido deportivo de base e coa sólida representación de dous clubs na máxima categoría, feminina e masculina.
Nesta liña, a máxima responsable do executivo lucense amosouse moi consciente do labor que os clubs deportivos realizan en Lugo. A achega dos mesmos nos planos sociais, educativos, integradores e de conciliación puxéronse en valor neste encontro.
Gratitude
O Presidente FGB trasladou o seu agradecemento á rexedora lucense pola cesión de locais por parte do Concello para a realización de actividades de formación, principalmente na fase de iniciación para árbitros e oficiais de mesa.
No apartado de competicións, amosou tamén a gratitude federativa pola uso gratuíto das instalacións deportivas municipais como escenario das ligas FGB oficiais.