Os Cursos de Adestradores de Nivel I e II, que se están a celebrar esta semana nas Instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, en Compostela, e que no primeiro caso viven este mércores a súa derradeira xornada, contaron na mañá de hoxe coa presenza do Presidente da Federación Galega, Francisco Martín
Aproveitando o remate das sesión matutinas, e acompañado por Carlos Colinas, responsable da Área Deportiva FGB; o presidente FGB non dubidou en saudar aos 74 alumnos que toman parte desta fase específica da formación. A eles transmitiulles a súa confianza no traballo que están a realizar, e remarcoulles a sorte da que goza a FGB por poder contar para os seus Cursos cun cadro de profesores do máis alto nivel no ámbito nacional.
Pola súa banda, e metidos de cheo nas aulas, tanto os alumnos de primeiro como os de segundo nivel evidenciaron que están a desfrutar dunha completa semana de aprendizaxe na que o ritmo, entre exames, probas e debates, non cesa. Todos, alumnos e profesores, están a dar vida a unha nova edición dos cursos que fai máis visibles que nunca as gañas dos técnicos galegos por continuar crecendo.