Organizada polo Club Básquet Coruña e impartida por Chiqui Barros.
(Info: Básquet Coruña) Este domingo terá lugar a segunda sesión das Xornadas de Formación para Adestradores “E ti como adestras?”, organizadas por segundo ano consecutivo por Básquet Coruña. Nesta ocasión, a polideportiva de Riazor 1 acollerá ás 19:00 horas o encontro co adestrador Chiqui Barros, que centrará a súa intervención no “Pase en minibásquet”.
Nesta edición de “E ti como adestras?” todas as sesións xiran en torno aos primeiros anos de formación, con especial protagonismo ao deporte da canastra nas idades máis novas. Para asistir, tan só é necesario comunicalo previamente ao club, enviando un correo á dirección club@basquetcoruna.com
As xornadas están abertas a todos os adestradores e adestradoras de baloncesto da Coruña e de Galicia en xeral. Así mesmo, poden asistir afeccionados que desexen profundar nos temas abordados, do mesmo xeito que técnicos doutras modalidades deportivas. A Federación Galega de Baloncesto outorga 3 horas de formación por xornada aos participantes en proceso de obtención dalgún dos títulos de adestrador desta disciplina deportiva.
Co ciclo “E ti como adestras?”, o Club Básquet Coruña pretende favorecer a formación dos seus adestradores e abrirse á colaboración con outras entidades deportivas, ofrecendo un foro estable no que compartir coñecementos e experiencias da man de profesionais de prestixio, co fin último de contribuír ao progreso do deporte galego mediante a cualificación dos seus técnicos. Tamén se busca aproveitar sinerxias coa Federación Galega de Baloncesto e entre os propios clubs.
Próximas sesións
As seguintes charlas programadas son, co mesmo horario:
19 de marzo: “Contraataque en categorías de formación”, a cargo de Joaquín Moreira.
23 de abril: “O uso eficaz do bote no minibasket” a cargo de José Ángel Rivera Mozan.
21 de maio: “Pintura Barroca Holandesa: metodoloxía de adestramento para categorías de formación”, a cargo de Javier Orosa.
18 de xuño: tema e experto pendentes de confirmación.