O “II Torneo de Seleccións” chega a Lugo da man da Preselección Cadete Masculina

– A cidade da Muralla acolle o sábado e domingo, 7 e 8 de decembro, esta cita deportiva, que na súa presente edición conta coa implicación das Preseleccións Cadetes Vasca e Extremeña, e do combinado luso Sub 18 do FC Porto.

– A FGB volve a confiar en Lugo para a posta en marcha deste Torneo grazas á colaboración do seu Concello, da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e da Secretaría Xeral para o Deporte.

– A capital lucense, que xa exerceu de anfitrioa deste evento en 2011, repite papel en virtude do éxito organizativo colleitado nesa primeira ocasión.

A Área Deportiva da Federación Galega de Baloncesto presenta unha nova convocatoria de traballo para a Preselección Galega Cadete Masculina. Unha cita especial, neste caso, materializada en forma de competición a través do “II Torneo de Seleccións”, a disputarse en Lugo os vindeiros sete e oito de decembro.

O Pazo dos Deportes da capital lucense acollerá o xogo da Preselección Galega, que terá a oportunidade de enfrontarse ás Preseleccións Cadetes Extremeña e Vasca, así como a o equipo Sub 18 do FC Porto.

Os catro combinados darán forma a este II Torneo de Seleccións, que enfrontará a todos contra todos, a unha única volta, baixo un calendario que pode consultarse no documento que se achega.

Convocatoria oficial
Galicia participará neste “II Torneo de Seleccións” cun plantel de 13 xogadores preseleccionados que se atopan na recta final do programa de traballo para a temporada 2013 – 2014 e coa mente centrada xa no obxectivo final marcado: o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (Cáceres, do tres ao 6 de xaneiro de 2014).

Co seleccionador César Iglesias á cabeza, o seu cadro de axudantes, así como todos os convocados están citados na cidade da muralla o día seis, data na que poderán adestrar de xeito previo ás dúas xornadas do Torneo.

II Torneo de Seleccións – Calendario
Preselección Galega Cadete Masculina: 06,07 e 08/12/13

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram