Escola Basket Xiria, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo e a Deputación de A Coruña; abre este luns, sete de abril; o proceso de inscrición para o “II Día Autonómico do Pequebasket”.
A celebrar nunha data tan especial como a do vindeiro 17 de maio, en coincidencia co Día das Letras Galegas; esta actividade regresa a Carballo coa forza que gañou na súa primeira edición e formado parte do catálogo de actividades conmemorativas da Copa do Mundo de Baloncesto “GALICIA 2014. Imos pola Copa”.
O seu referente: a oferta dunha plataforma de competición “4×4” e diversión para os rapaces e rapazas de entre cinco e oito anos.
En marcha xa o mecanismo do “II Día Autonómico do Pequebasket”. Esta Festa do Deporte para os máis novos, organizada por Escola Basket Xiria, comeza a rodar e anima a todos os xogadores e xogadoras galegas de entre cinco e oito anos a reunirse en Carballo o próximo 17 de maio.
O Pavillón Municipal Carballo Calero e as instalacións do CEIP Bergantiños converteranse en sede para este día tan especial no que os participantes serán protagonistas dun conglomerado de actividades deportivas, lúdicas e mesmo formativas.
Competición Amigable
Sete canchas de xogo servirán de escenario para un total de sete grupos de cinco equipos cada un, todos competindo baixo o formato”4×4” e sen control de resultados nin clasificación. Primará o aspecto lúdico sobre o puramente deportivo, reforzando esta característica coa presenza de monitores e preparadores físicos nas previas de cada encontro.
Zona lúdica
Un completo volume de actividades lúdicas e de esparecemento nas que poder rendabilizar o tempo libre entre partidos é outro dos atractivos deste “II Día Autonómico do Pequebasket”.
inchables, xogos, área de educación vial e zona reservada para actividades culturais relacionadas co 51 aniversario do Día das Letras Galegas, adicado a Xosé María Díaz Castro; e non deixarán a ninguén, tanto xogadores como acompañantes, indiferentes.
Inscrición
Escola Basket Xiria ofrece dende hoxe a posibilidade de solicitar a inscrición para este “II Día Autonómico do Pequebasket”, proceso que manterá aberto ata o vindeiro 25 de abril. Para poder materializar esta petición de xeito correcto é preciso enviar o formulario de inscrición ao enderezo eventos@fegaba.com ou vía FAX 981566066.
Xunto a esta mesma información achegamos o citado formulario, así como o documento preciso para consultar a normativa de xogo, o seguro deportivo e aqueles detalles que farán que o “II Día Autonómico do Pequebasket” resulte unha cita perfecta.
“II Día do Pequebasket”: información detallada
“II Día do Pequebasket”: formulario de inscrición
“II Día do Pequebasket”: formulario de inscrición