O I Campus de Tecnificación e Perfeccionamiento FGB avanza o seu corpo de Traballo

– Os seleccionadores galegos serán o soporte principal dun Campus que contará ademais coas visitas excepcionais de profesionais máis que destacados.

– Moncho Fernández, Vicente Rodríguez “Cholas”, Tamara Abalde ou Mario Cabanas, entre outros moitos, pasarán pola Residencia Aceimar (sede da actividade) para compartir con todos os participantes unhas horas de baloncesto.

– Lembrar que este I Campus está aberto á participación, en primeira instancia, entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, de xogadores e xogadoras nados nos anos 1997, 1998, 1999 e 2000. E, nunha segunda quenda de traballo (do 7 de xullo ao 14) a aqueles nados nos anos 2001, 2002, 2003 e 2004.

Conformando unha estrutura compensada e de calidade, os actuais seleccionadores galegos nas súas diferentes categorías serán a base da pirámide do traballo para a primeira edición do Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB.

Eles darán apoio e soporte a todos os participantes, transmitíndolles ademais o espírito e a dinámica habitual dos nosos combinados autonómicos.

Á súa experiencia e capacidade de traballo coa base, unirase ademais en ambas as quendas o punto de vista de diferentes adestradores de prestixio, cuxos nomes iremos coñecendo a medida que se achegue a data de apertura do prazo para as inscricións (12 de abril).

E sumando aínda máis calidade á oferta formativa deste I Campus FGB, poderase contar durante o mesmo coa visita de adestradores e xogadores que todos admiramos e aos que sempre quixemos preguntarlles polo seu día a día nas pistas.

Así, e entre outras moitas presenzas que farán as delicias de todos os xogadores e xogadoras, apuntar a día de hoxe a de todo un adestrador ACB como Moncho Fernández. O santiagués poderá compartir cos participantes do Campus a súa experiencia en ACB a cargo do Obradoiro CAB.

O técnico santiagués encabeza unha lista de nomes na que xa se atopan tamén o Ex Seleccionador Nacional Feminino, Vicente Rodríguez “Cholas”; ou xogadores galegos de elite como Tamara Abalde e Mario Cabanas.

A eles uniranse ben pronto novas e notables novidades, incluíndo adestradores e persoal vinculados coa FEB, as cales avanzaremos ao longo dos días e cuxo mérito lucirá ao nivel das anteriores dentro deste I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram