O Concello de Ferrol presenta a XX Copa Galicia Sénior Feminina

O Concello de Ferrol, na persoa da súa concelleira de Deportes; Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a fase final da XX Copa Galicia Sénior Feminina, tamén nomeada XII Trofeo Concello de Ferrol: “un clásico xa dentro dos trofeos de baloncesto feminino en Galicia”.

No acto, a edil estivo acompañada polo presidente do Universitario Ferrol, Leopoldo Ibáñez; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e a directora da oficina principal de “la Caixa” en Ferrol, Susana Sanjurjo. Ésta última en representación da entidade financeira, patrocinadora principal da Federación Galega de Baloncesto.

Nesta posta de longo oficial lembrouse que os partidos se disputarán este venres 12 e sábado 13 no pavillón municipal de Esteiro, sendo o primeiro deles, o correspondente ás semifinais, o venres, 12 de outubro, ás 18.30 horas, enfrontando a Ensino de Lugo e a Celta de Vigo.

A segunda semifinal terá lugar ás 20.30 horas entre o Universitario Ferrol e Cortegada, de Vilagarcía. “Estes son os catro equipos galegos que acreditaron o máximo nivel na pretemporada”, subliñou Leopoldo Ibáñez, anunciando que a final se celebrará o sábado, ás 19.00 horas.

O presidente do club ferrolán explicou que os aboados ao club departamental non terán que pagar entrada para ver os partidos desta competición. As entradas para o resto do público terán un prezo de 5 euros por xornada. Así mesmo, indicou que, como é habitual nos encontros de baloncesto feminino que se disputan no pavillón de Esteiro, toda a competición retransmitirase por internet.

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; agradeceu ao Concello de Ferrol a aposta que está a facer polo deporte en xeral e polo baloncesto feminino en particular. Igualmente, recoñeceu a labor de “la Caixa” e a súa aposta por este deporte a través da súa colaboración coa federación.

Finalmente, a directora da oficina principal de “la Caixa” en Ferrol, Susana Sanjurjo; subliñou o compromiso que con Galicia e co Deporte ten esta entidade financieira, apoiando eventos como este que defende valores como os que difunde “la Caixa”: o traballo en equipo, o esforzo e a superación persoal.

Universitario Ferrol: recoñecemento ao organizador
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós; felicitou ao Club Universitario Ferrol, organizador deste evento xunto coa Federación Galega de Baloncesto, polo traballo realizado no eido do baloncesto feminino, que regresou a un primeiro plano co nacemento, no ano 1997, do dito club; e a recuperación, no ano 2010, deste trofeo “do máis alto nivel”.

“Desde entón son, coa deste ano, trece edicións as que se veñen disputando con regularidade, sempre co patrocinio da Concellería de Deportes e a organización do Universitario de Ferrol, que gañou a terceira e oitava edición, nos anos 2002 e 2008, respectivamente”, recordou a edil de Deportes.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram