O Comité Galego de Árbitros, parte activa na “VBCUP 2014”

– O CGAB continúa reforzando o seu extenso e continuo proxecto didáctico 2013 – 2014 baixo a supervisión do seu Director Técnico, Miguel Ángel Pérez.

– Nesta ocasión, renova convocatoria destas características no ámbito de actuación da “Vilagarcía Basket Cup 2014”, cita que, lembremos, terá lugar desde este mércores, 16 de abril; ata o sábado, 19 de abril. 

O Comité Galego de Árbitros, co gallo da celebración da Vilagarcía Basket Cup 2014, pon en marcha unha nova quenda das súas “Xornadas Técnicas Arbitrais”.

Desta volta, e co habitual carácter formativo, congrega a un total de 60 colexiados, convertendo esta actividade no evento no que, á marxe dos habituais Clínics de pretemporada e Nadal; participarán maior número de árbitros nesta temporada.

O CGAB contará nesta edición da Vilagarcía Basket Cup 2014 con representación de categorías diferentes, e sempre baixo a tutela de tres técnicos que guiarán a actividade e serán responsables da mesma: Luis Balboa, Cristian Martín e Fran Guillamet. A estrutura de árbitros participantes configurarase do seguinte xeito:

3 árbitros do Grupo 1 CGAB que permanecerán no Torneo os seus tres días completos e que persoaranse co obxectivo de seguir avanzando no seu proceso de integración e mellora dentro do grupo no que están encadrados.

14 árbitros do Grupo Sub23. Este bloque de colexiados terá ante sí unha nova oportunidade de amosar o seu momento de madurez arbitral.

34 árbitros zonais dos diferentes Comités. Esta nutrida selección zonal aproveitará o nivel da “VBCup 2014” para ampliar a formación que están a recibir nos seus Comités locais. A súa presenza en Vilagarcía limitarase a unha xornada.

3 árbitros do Grupo FEB: Daniel Pazos, Cristian Martín e José Godoy, que actuarán no marco de xogo do “Torneo Internacional Sub 17”.

3 árbitros ACB: Jacobo Rial, Carlos Cortés (internacional FIBA) e Miguel Ángel Pérez (internacional FIBA), que igualmente actuarán no “Torneo Internacional Sub 17”.

Experiencia compartida
Esta participación dos colexiados FEB e ACB na Vilagarcía Basquet Cup 2014 está pensada como estímulo, motivación e referencia para os árbitros participantes no total do Torneo.

Entre todos poderán compartir tempo de conversa e interactuación, minutos importantes para intercambiar consellos, datos de referencia técnica e mesmo anécdotas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram