O Club Ourense Baloncesto presenta a XXVII edición da Copa Galicia Sénior Masculina

– Este torneo reunirá en Ourense, os vindeiros 14 e 15 de setembro, aos catro mellores equipos galegos do actual baloncesto profesional: Obradoiro, COB, Básquet Coruña e C.B. Breogán.

– As entradas estarán á venda en Ourense a partir de hoxe, xoves, cun prezo de 10 euros para a primeira xornada do venres, 10 euros para a final do sábado, e un bono de 15 euros que permitirá gozar dos tres partidos do torneo.

O Club Ourense Baloncesto presentou este xoves a vixésimo sétima edición da COPA GALICIA Sénior Masculina, que se disputará na cidade das Burgas entre o venres 14 e o sábado 15 de setembro de 2012.

O acto contou coa presenza de José Manuel Villamarín, Vicepresidente 2º da Federación Galega; Mª José Varela, representante da FGB en Ourense; Fernando Varela, Concelleiro de Deportes do Concello de Ourense; José Angel Varquero, Concelleiro de Comercio, Turismo e Industria; Bernardino González, representante da Deputación de Ourense; Mario Guede, representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en Ourense; e Roberto Fernández, Presidente do Club Ourense Baloncesto.

O COB é o encargado de organizar nesta tempada esta competición que agrupa aos catro mellores equipos do actual baloncesto profesional da Comunidade Galega: o Obradoiro da Liga Endesa ACB e os tres representantes galegos da Adecco Ouro: COB, Básquet Coruña e C.B. Breogán de Lugo.

A sede desta fase final será o Pazo dos Deportes Paco Paz, disputándose na xornada do venres 14 as dúas semifinais, que enfrontarán ao Obradoiro contra o C.B Breogán a partir das 18:30 horas e posteriormente ao COB contra Básquet Coruña a partir das 21:00 horas. A gran final do torneo celebrarase o sábado, 15 de setembro, a partir das 20.00 horas.

Prezos e venda de entradas e bonos
Os prezos das entradas serán de 10 euros para cada unha das dúas xornadas da competición, é dicir, a entrada da xornada do venres dá dereito a ver os dous partidos de semifinais e a do domingo a presenciar a gran final. Ademais sacarase un abono especial ao prezo de 15 euros que dará dereito a presenciar os tres partidos da competición.

Os nenos menores de 14 anos poderán acceder gratis ás dúas xornadas da Copa Galicia e terán que retirar as súas invitacións a partir de hoxe, xoves, nas oficinas do COB ou na caseta “COBFAN” situada na propia cidade ourensá, dentro do Xardín Xaponés (Rúa Curros Enríquez).

A venda de entradas tamén se realizará a partir de hoxe na indicada zona COBFAN e nas oficinas do Club Ourense Baloncesto no Pazo dos Deportes Paco Paz.

Actividades Paralelas
Paralelamente á competición, a Federación Galega de Baloncesto organiza o mesmo sábado da final, un Clinic para adestradores impartido polo prestixioso técnico vallisoletano Gustavo Aranzana. Así mesmo, os árbitros ourensáns realizarán o seu stage de pretemporada. Todo iso terá lugar no anexo ao Pazo Paco Paz, de 09:00 h a 18:30 h.

“Copita Galicia”
Pola súa banda, o Club Ourense Baloncesto, en colaboración coa Concellaría de Deportes de Deportes do Concello de Ourense, suma aos eventos paralelos a chamada “COPITA GALICIA”, unha competición de baloncesto para os equipos cadetes dalgúns dos principais equipos de base de Ourense e Provincia: Club Ourense Baloncesto, Allariz, ABO Capital Termal e Blanco Amor.

Esta cita disputarase na cancha anexa do Pavillón Municipal dos Remedios. En horario de mañá, as semifinais, e ás 17:00 horas a gran final.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram