O Clínic de Pretemporada inaugura a actividade no CGAB

Un ano máis os colexiados galegos deron a benvida á actividade oficial coa celebración do seu Clínic de Pretemporada, cita de vital importancia para empezar coa mellor actitude posible un novo curso.

 

Nesta edición, celebrada o domingo nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro, os colexiados galegos pertencentes aos Grupos 1 e Sub 23 afrontaron unha completa xornada de probas e reflexións teóricas, que estivo presidida polo seu director técnico, Miguel Ángel Pérez.

A convocatoria presentou uns resultados positivos, rexistrando no Grupo 1 un 100% de aprobados nas avaliacións físicas e un 95.5 % nos test de carácter teórico. No tocante ao grupo Sub 23, composto por 15 colexiados, a satisfacción repetiuse no apartado físico, cun pleno de aprobados; e cifrou nun 50% os aptos nos exames teóricos.

No plano da análise e o debate o clínic de pretemporada contou co peso específico da exposición do Director Técnico do CGAB. Miguel Ángel Pérez incidiu en facetas como a mecánica arbitral e o criterio, deixando tamén un importante oco para establecer os aspectos nos que enfatizar nesta 2013 – 2014: faltas antideportivas, xogo de poste, situacións de acción/reacción, traballo coas pantallas legais/ilegais, pasos e mecánica de sinalización e comunicación cos participantes

Convidados de excepción
A guía de traballo establecida polo Director Técnico contou ademais cun reforzo de luxo, chegado da experiencia de dous profesionais da arbitraxe deportiva de alto nivel: o leonés Felipe Llamazares, ex-árbitro FIBA, Euroleague e ACB, ex-presidente da AEBA; e o galego Ignacio Iglesias, único árbitro galego de fútbol na máxima categoría.

Felipe Llamazares

Ambos realizaron interesantes intervencións que fomentaron un elevado número de preguntas nun auditorio atento e activo. O proceso formativo do árbitro e o seu papel nas situacións de presión, centralizaron as cuestións.

Ignacio Iglesias

O Clínic contou tamén coa colaboración dos diferentes coordinadores zonais, acompañados, a súa vez, polos Colexiados galegos ACB, Carlos Cortés (internacional FIBA) e Jacobo Rial, e polo ex árbitro e actual Técnico FEB, Vicente Sanchís

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram