O Comité Galego de Árbitros recolleu esta fin de semana os froitos da súa primeira grande actividade da nova temporada. Coa celebración en Lugo do seu Clínic de Pretemporada deu o pistoletazo de saída a súa andaina nesta 2012 – 2013.
Un total de 87 colexiados, guiados polo seu Director Técnico, Miguel Ángel Pérez; e coa achega de convidados de excepción, encabezados polo árbitro internacional e Membro da Comisión Técnica de Arbitraxes da FEB, Juan Carlos Arteaga; completaron un extenso programa no que non faltaron os tradicionais exames físicos e teóricos.
A Residencia Abeiro e o Pazo dos Deportes foron a sede de operacións na que se reuniron todos os convocados, pertencentes aos Grupos 1 e Sub 23; e os representantes dos oficiais de mesa das diferentes delegacións FGB.
A súa folla de ruta nesta ocasión incluíu as imprescindibles probas físicas e teóricas, cos test sobre regras de xogo e a unificación de criterios como referente. Así mesmo, con resultados satisfactorios, afondouse na dinámica de traballo en equipo e na convivencia como factor estimulante na formación.
Aprendendo coas Charlas Maxistrais
O apartado de Charlas maxistrais revelouse como o punto forte deste I Clínic . A presenza dos relatores convidados non decepcionou, e os presentes gozaron da oportunidade de ilustrarse coa experiencia de auténticos profesionais deste deporte como Juan Carlos Arteaga ou Carlos Colinas, entre outros. Como era de agardar, xerouse un enriquecedor debate, dando lugar a novas e positivas propostas de cara a tarefa arbitral.
Todos os presentes escoitaron ben atentos a Juan Carlos Arteaga, internacional FIBA e, non esquezamos, recén chegado dos xogos olímpicos de Londres. A súa charla, coa “técnica de arbitraxe e linguaxe corporal” como eixo central cubriuse con nota e coa unanimidade dos colexiados, satisfeitos de poder trasladar ao canario as súas inquedanzas.
Pola súa banda, os adestradores contaron coa representación de Carlos Colinas. O técnico leonés, que continuará esta temporada a cargo do Celta en LF2, deteuse nas pautas de adestramento e xogo e a súa posterior incidencia na arbitraxe. A súa foi unha intervención que ligou as tarefas de adestradores e árbitros. Cuestión esta que tamén tratou o director Técnico CGAB nunha charla dirixida en exclusiva a técnicos de toda Galicia.
O CGAB non se esqueceu da área da saúde. Unha didáctica conferencia a cargo da responsable Federativa neste ámbito, Leticia Fernández; salientou as pautas correctas a seguir para mellorar a rendibilidade e o esforzo en pista.
Finalmente, e como vén sendo xa habitual, os oficiais de mesa recibiron en particular a súa ponencia, dirixida polo experimentado comisario ACB, Alejandro Alcalde.
Axenda repleta para a 2012 – 2013
Superada esta primeira proba, a axenda para o CGAB non cesa. A temporada 2012 – 2013 presenta un programa amplo de traballo, apoiado nos Coordinadores Zonais e sempre baixo as directrices do Director Técnico. En primeira instancia, un curso de iniciación para árbitros e oficias de mesa, xa en activo nestas datas na Delegación de Vigo, centra a segunda cita formativa do Comité e abre camiño para novas convocatorias de similares características.