O “Claustro Docente FGB” suma nova convocatoria práctica

A Área de Adestradores FGB apela de novo ao carácter dinámico e participativo dos adestradores galegos a través da 2º edición do seu “Claustro Docente”, configurado nesta ocasión desde unha perspectiva eminentemente práctica.

Elixindo o 27 de decembro como data para a súa celebración e localizando a xornada de actividades na vila de Cambados (Pavillón do Pombal), a FGB sube un chanzo na traxectoria deste proxecto didáctico nado en Lugo o pasado mes de xuño.

Desta volta, e contando coa presenza e apoio dos responsables zonais FGB e dos propios membros fundacionais do Claustro, a Federación Galega de Baloncesto ofrece a toda a familia de adestradores galegos a posibilidade de ser testemuñas activas dun programa de actividades creado ex profeso para a ocasión.

Adestramentos e Obradoiros
O 2º “Claustro Docente FGB” contará coa presenza dun quinteto de adestradores encargados de plasmar na pista a súa valía formativa baixo o epígrafe común “Adestrando e Aprendendo”.

Serán César Iglesias (Seleccionador Galego Cadete Masculino), Manuel Felpeto (Coordinador de base en Xuventude Baloncesto), Cristino Menor (Director Deportivo Club Estudiantes Lugo) Carlos Maceiras (Club Blanco Amor Ourense) e Cuco Rodríguez (Axudante Selección Galega Cadete Masculina) os responsables de cada unha das actividades do programa, o cal pode consultarse ao completo no documento que se achega.

Os cinco contarán coa colaboración de xogadores e xogadoras chegados de toda Galicia e estarán abertos á análise e debate co público que desexe participar.

Requisitos de Inscrición e participación
O 2º “Claustro Docente FGB” presenta dúas vías de acceso para os adestradores galegos, animando a todos a vivir en primeira persoa este paso adiante do proxecto.

En primeira instancia, configúrase como unha actividade de carácter obrigatorio para os alumnos dos Cursos de Nivel 1 e Nivel 2 realizados en xullo de 2014. Considerando este “Claustro Docente Práctico” como parte da súa formación complementaria, deberán asistir e confirmalo a través do email: adestradores@fegaba.com. Este grupo de técnicos será convidado a xantar pola Federación Galega de Baloncesto.

A segunda posibilidade de inscrición abrangue aos adestradores galegos que desexen formar parte da xornada e non cumpran o requisito anterior. Neste caso poderán inscribirse igualmente vía mail (adestradores@fegaba.com) previo abono dun importe de 10 euros, correspondente ao xantar. (Conta “la Caixa”: ES96 2100 1455 14 0200227406).

A data límite para levar a cabo este trámite (enviando xustificante de pago) establécese no 26 de decembro. Recordar aos adestradores que se atopen nesta tesitura, que a súa presenza poderá validarse por 12 horas de formación complementaria FGB.

“Claustro Docente FGB”: Programa Xornada Práctica 27/12/14

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram