A Federación Galega de Baloncesto e o seu Comité de Árbitros tiveron este sábado, 15 de setembro, unha mostra de recoñecemento para Luis Balboa, colexiado galego que acometeu a súa retirada das pistas ao remate da recente temporada 2011 – 2012.
No marco da final da XXVII Copa Galicia Sénior Masculina, e da man do Presidente da FGB, Francisco Martín; e do Coordinador da área arbitral, Fran Guillamet; Balboa recibiu un particular agasallo, unha camiseta asinada por todos os seus compañeiros. Un detalle que resume o sentir dos colexiados cara Luis no intre da súa despedida e que viu acompañado dun forte aplauso de todos os afeccionados que encheron o Pazo dos Deportes Paco Paz.
Balboa, ourensán de nacemento, recibiu feliz e agradecido este xesto do Comité Galego de Árbitros e da FGB para coa súa persoa e a súa traxectoria, cargada de boas experiencias.
No 2001 iniciou a súa etapa neste mundo da arbitraxe. Durante este tempo estivo tres anos en categoría Provincial, seis en Autonómica e dúas no Grupo 2 FEB. Así mesmo, tivo a ocasión de participar en diferentes Fases Finais Autonómicas e de representar a Galicia nos dous Campionatos de España de Seleccións Autonómicas da temporada 2009 – 10.
Na actualidade, e tras facer xa efectiva a súa retirada na 2011 – 2012, realizará labores de informador técnico para o propio Comité Galego.