A Federación Galega de Baloncesto e o seu Comité de Árbitros realizaron este sábado unha homenaxe ao colexiado vigués David Guillán, que esta mesma temporada, e tras trinta anos no CGAB, deixa a arbitraxe en activo.
No marco da final da XXI Copa Galicia Sénior Feminina, celebrada en Ferrol, e da man do Presidente da FGB, Francisco Martín; e do Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Miguel Ángel Pérez; David Guillán recolleu un agasallo especial, unha placa conmemorativa de toda a súa traxectoria arbitral nas pistas, un detalle marcado polo cariño dos que foron os seus compañeiros durante todos estes anos.
O colexiado, ledo e agradecido á FGB e ao CGAB por esta consideración, ve recoñecida a súa longa e frutífera singradura no mundo da arbitraxe galega, ao que chegou no 1983, participando en todas as Ligas FGB e tomando parte tamén, durante máis dunha década, nas altas competicións da Federación Española de Baloncesto. Igualmente, no seu haber consta a súa presenza, representando a Galicia, en diferentes Campionatos de España.
Na actualidade, e tras tomar a decisión de retirarse das pistas, realizará labores de informador técnico para o Comité Galego.