O “CAD Manuel Peleteiro – FGB” comeza a súa andaina

Federación Galega de Baloncesto e Colexio Manuel Peleteiro realizaron este xoves a presentación do seu novo proxecto formativo para adestradores: o “CAD Manuel Peleteiro – FGB”.

Esta iniciativa, que se porá en marcha coa realización dun “Ciclo Inicial de Grao Medio de Baloncesto”, veu a luz pública esta mañá da man do Presidente FGB, Francisco Martín; o Director Deportivo FGB, Carlos Colinas; o Director do Colexio, Luis Peleteiro; e o técnico de Río Natura Monbus, Moncho Fernández.
O Presidente FGB foi o encargado de abrir esta posta de longo agradecendo a estreita colaboración do Colexio Manuel Peleteiro como “compañeiro de proxecto e a mellor sede posible para o mesmo” e confiando ademais no seu éxito.

Pola súa banda, o máximo responsable do Colexio Manuel Peleteiro; Luis Peleteiro; tomou a palabra para rememorar a “tradición de colaboración” que a entidade educativa compostelá mantén coa FGB, unha situación que con este CAD dá “un novo paso” realizado con “esperanza, ilusión, e a certeza de que imos a contribuír para mellorar a formación dos adestradores de baloncesto e dar resposta ás demandas existentes dunha formación sólida e consistente para esta disciplina deportiva”. Para o Colexio Manuel Peleteiro, rematou, isto “é un privilexio”.

O convidado de excepción desta presentación oficial, o técnico de Obradoiro CAB, Moncho Fernández; reflexionou sobre as novas posibilidades formativas como este CAD, do que lle gustaría “ter desfrutado no seu momento”. Expresou a súa “envidia” polo alumnado que poderá gozar desta posibilidade, a cal é “unha oportunidade única para todo aquel ao que lle guste adestrar baloncesto”. Desexando a “maior das sortes ao proxecto” pechou a súa intervención.

CAD: requisitos de participación

As cuestións procesais desta estrea do “CAD Manuel Peleteiro – FGB” foron detalladas polo Director Deportivo FGB, Carlos Colinas; que sinalou o mes de setembro para o inicio deste Centro de Réxime Especial co que será o seu primeiro ciclo inicial de grado medio.

Cun total de 430 horas lectivas, de carácter presencial e online, a formación ofertará un total de 60 prazas ás que poderán optar todas aquelas persoas coa titulación ESO aprobada. O prazo exacto de preinscrición para esta opción, así como a estrutura temporal e didáctica do CAD pode consultarse nas webs oficias tanto da Federación Galega de Baloncesto como do colexio Manuel Peleteiro.

CAD Manuel Peleteiro – FGB: Tríptico oficial
Formulario Autorización Datos – CAD
Formulario de Preinscrición – CAD

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram