O derbi contra o Ourense, ás 19.30 h no Palacio dos Deportes de Riazor, será nunha homenaxe aos enfermos de cancro e as súas familias.
O Leyma Básquet Coruña converterá o seu partido de mañá, contra o Augas de Sousa Ourense, nunha homenaxe aos enfermos oncolóxicos e aos seus familiares, a través de Asociación Española contra o Cancro (aecc). O encontro de liga LEB Prata terá lugar mañá, 14 de abril, ás 19.30 horas no Palacio dos Deportes de Riazor. Durante o transcurso do mesmo recadaranse fondos para a aecc e, no descanso, o presidente do club herculino, Carlos Lamora, faralle entrega á presidenta provincial da ONG, María Elena Viturro, dun cheque polo importe recadado.
“Queremos facerlle chegar o noso recoñecemento a todas as persoas que loitaron contra un tumor maligno, aos seres queridos que lles prestaron axuda no camiño, e á aecc, que sempre está aí para quen o necesite”, afirma Lamora.
O partido entre o equipo coruñés e o Club Ourense de Baloncesto será o único derbi galego que se xogará esta tempada no deporte da canastra, xa que só na categoría LEB prata coinciden dous equipos da nosa comunidade.Con este partido solidario, consolídase a colaboración entre a xunta provincial da aecc e o Básquet Coruña, que xa se traduciu, o pasado 30 de marzo, na organización dun taller sobre alimentación, dedicado a nenos entre 4 e 11 anos, dentro da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Colon. A actividade consistiu na simulación dun supermercado onde os máis pequenos debían realizar unha compra de alimentos. O obxectivo era modificar hábitos inadecuados, promover a actividade física e facilitar pautas para un estilo de vida saudable de nenos e novos.
Nas próximas semanas, o equipo prestará tamén a súa axuda, un ano máis, na organización da segunda edición da marcha popular Contra o cancro, corre, que terá lugar o día 20 de maio. Ademais, o 29 de maio, coincidindo co peditorio anual da asociación, os nenos do club sumaranse á campaña nas diferentes mesas que se instalarán na Coruña. Todas estas actividades enmárcanse no programa Novos pola saúde, de xunta provincial da aecc.