O Baloncesto de A Mariña, no obxectivo FGB

A Federación Galega de Baloncesto, da man directa do seu Presidente, Francisco Martín Micó; trasladou o seu foco de atención, en exclusiva, o pasado xoves 30 de xaneiro; sobre a zona de A Mariña e a realidade actual do seu Baloncesto federado.

Establecendo unha folla de ruta previa que lle permitiu manter contacto con diferentes e importantes activos deportivos e institucionais, Francisco Martín, acompañado por José Antonio Sama; responsable Zonal FGB neste ámbito xeográfico, puido comprobar como A Mariña respira o Baloncesto.

Concello de Ribadeo, coñecendo novas instalacións
O máximo mandatario federativo comezou a súa visita á zona de A Mariña cun frutífero encontro co concelleiro de Deportes do Concello de Ribadeo, Vicente Castro Reigosa.

Xunto a el, puido observar in situ o estado do novo Pavillón desta vila, unha instalación acondicionada coas mellores prestacións e que se valora xa como futuro gran escaparate para a práctica do Baloncesto Federado. A súa inauguración, prevista para este mes de febreiro, traerá consigo agradables sorpresas para o noso deporte.

Pola súa banda, as vixentes e “vellas” instalacións en activo tamén recibiron a visita federativa, comprobando como se traballa e exercita o club local, C.B. Ribadeo.

C.B. Ribadeo, en contacto coa súa realidade
Aproveitando os adestramentos de varios equipos do club local, CB Ría de Ribadeo; o Presidente FGB quixo saudar e charlar cos directivos e adestradores da entidade, os cales amosaron todo o seu apoio á federación de cara á organización de actividades na vila, eventos que dinamicen na mesma o baloncesto de base.

Así mesmo, trasladaron a ilusión polo traballo que están a realizar, cunha directiva de recente creación e un proxecto que xa está dando os seus froitos ao duplicar practicamente o número de xogadores respecto da anterior tempada.

Os Clubs de A Mariña toman a palabra
A presidencia da FGB quixo aproveitar a súa visita para escoitar en primeira persoa as sensacións e inquedanzas do bloque de clubs que configuran o panorama actual da zona.

Deste xeito, e en horario de tarde, Francisco Martín e José Antonio Sama mantiveron un encontro con representantes de oito clubs e entidades de A Mariña. Na cita estiveron presentes: C.B. Viveiro, ADC Xove, ED Cervo, CB Burela, CB Celtas de Foz, Colexio Martínez Otero, Colexio O Pilar e C.B. Ría de Ribadeo.

Cuestións latentes como a necesaria busca de consenso entre a competición escolar e a competición federada, a importancia de incentivar a parcela formativa, tanto para adestradores como para árbitros; así como o avance positivo do traballo cos Centros de Tecnificación para a base, articularon este encontro.

As conclusións extraídas por todos os presentes animan a seguir trazando un camiño no que o Baloncesto Federado poña as ferramentas para continuar a expandirse nesta zona.

A Deputación Provincial implicada co Baloncesto
A completa xornada federativa no ámbito de A Mariña rematou cunha importante reunión do Presidente FGB co Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga.

A FGB aproveitou esta xuntanza para trasladar o seu ánimo de poder celebrar en “A Mariña” un evento coas seleccións autonómicas de base como protagonistas, unha actividade que sería perfecto impulso para incentivar a práctica do basket.

Solicitando a colaboración da Deputación para esta iniciativa futura, Francisco Martín puido comunicar a súa aposta por descentralizar as actividades organizadas pola FGB, conxugando os eventos das grandes cidades con torneos e xornadas de adestramento a celebrar nas vilas máis pequenas.

Os obxectivos asinados ao remate desta conversa entre Deputación e FGB animan a seguir adiante cos proxectos marcados.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram