O Amfiv prepara unha intensa fin de semana de promoción do baloncesto en cadeira de rodas

Amfiv, o conxunto vigués de Baloncesto en Cadeira de rodas organizará o próximo fin de semana, 22 e 23 de xuño, no Pavillón de Bouzas, e grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, dúas xornadas dedicadas á promoción do baloncesto en cadeira de rodas e á súa integración co baloncesto a pé.

A actividade abrirase na mañá do sábado, 22 de xuño, coa celebración do “I Clinic de Baloncesto Adaptado”. De 10.00 h a 14.00 h, os asistentes poderán realizar unha primeira aproximación ao baloncesto en cadeira de rodas da man de Sergio González, membro do corpo técnico do Amfiv, que esta tempada logrou igualar a mellor clasificación na historia da entidade co terceiro posto na División de Honor e na Copa do Rei e máximo responsable deportivo do Club Seis do Nadal.

O outro relator será o vigués e árbitro da International Wheelchair Basketball Federation, Jorge González Marqués, cunha larguísima experiencia como colexiado nesta modalidade, tendo pitado ata en varias finais europeas. A asistencia a este I Clinic de Baloncesto Adaptado será completamente de balde aínda que desde a organización rógase informar da asistencia no mail clinic@cdamfiv.com

Para o domingo, 23 de xuño, quedará a disputa, tamén no Pavillón de Bouzas, do II Torneo 3×3 Amfiv-Baloncesto Integral. Tras a boa aceptación da primeira edición, o torneo manterá o formato do pasado ano, disputándose os encontros en dous partes, unha a pé e outra en cadeira, para sumarse logo os resultados de ambas e coñecer así o ganador. Haberá dúas categorías, unha para menores de 14 anos (Infantil) e outra para maiores de 14 anos (Sénior).

Os participantes terán que pagar a simbólica cifra de 3 euros por xogador e poderán realizar a inscrición na tenda de Deportes One (Rúa Teixugueiras, Nº16-Navia.Vigo) ou descargando a folla de inscrición na páxina web do club e enviándoa, debidamente cuberta, ao mail torneo@cdamfiv.comNesta segunda edición haberá tamén premios para os gañadores en cada unha das categorías, unhas camisetas xentileza de Deportes One e unha comida no Restaurante Machina, así como trofeos para os dous primeiros.

Para promocionar este intenso fin de semana de achegamento entre o baloncesto a pé e o adaptado, o Amfiv quere invitar, a través da Federación Galega de Baloncesto e a súa Delegación en Vigo, a todos os clubs, especialmente aos de Vigo e a súa Área Metropolitana, a participar tanto no Clinic como no Torneo 3×3.

Formulario de Inscripción

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram