O Amfiv pecha cun gran éxito a súa fin de semana de integracion do baloncesto

O Pavillón de Bouzas foi o escenario esta fin de semana, grazas ao patrocinio da Deputación de Pontevedra, de dúas iniciativas postas en marcha polo Club Amfiv, para tratar de achegar o baloncesto en cadeira de rodas e a pé.

O sábado abríronse dous intensos días dedicados a mostrar os puntos en común entre ambas modalidades de baloncesto co I Clinic de Baloncesto Adaptado. A charla impartida de 10.00 h a 14.00 h por Sergio González, membro do corpo técnico do Amfiv, e por Jorge González Marqués, árbitro vigués internacional pola Internacional Wheelchair Basketball Federation, contou coa presenza de 25 asistentes.

Os numerosos curiosos que decidiron achegarse a este I Clinic de Baloncesto Adaptado gozaron dun primeiro achegamento ao baloncesto en cadeira de rodas e a durísima preparación física que este deporte esixe aos seus xogadores. O encargado de transmitir este concepto foi Sergio Fernández, responsable deportivo do Seis do Nadal, quen ilustrou á perfección, como pode realizar calquer técnico a transición do basket a pé ao de cadeira de rodas.

Pola súa banda, Jorge González, un colexiado que estivo en varias fases finais europeas, expuxo as escasas diferenzas na normativa entre ambos baloncestos, case todas derivadas da cadeira, o instrumento que empregan os xogadores para poder practicar este deporte. Ademais, informou aos asistentes dos pasos que poden seguir se están interesados en converterse en árbitros de baloncesto en cadeira.

CLINIC 2013 3

Para a xornada do domingo quedou o II Torneo 3×3 Amfiv-Baloncesto Integral, no que se superaron os rexistros de participación máis optimistas, con catorce equipos en categoría sénior e cinco equipos na categoría Infantil, na que dous conxuntos tiveron que fusionarse nun ante a imposibilidad horaria de contar con máis equipos.

Os participantes, a inmensa maioría procedente do mundo do baloncesto a pé, disputaron os encontros divididos en dúas partes: unha a pé e outra en cadeira, sumándose os resultados de ambos para coñecer o vencedor de cada choque. Algúns xogadores infantís do Amfiv e da súa escola tamén se uniron ao torneo, participando con algúns equipos e, ata, en determinados casos, atrevéndose a xogar a pé cando a súa minusvalía llo permitía.

A mañá resultou moi intensa coa disputa da fase de grupos da categoría sénior e toda a competición infantil, que finalizou pasadas xa as 14.00 horas co Seis do Nadal Golosinas Meloso proclamándose como invicto vencedor por diante do Seis do Nadal NBAS, segundo, e o Supersónicos, terceiro. Para a tarde quedaron as eliminatorias dos maiores, clasificándose para os cuartos de final: Jugamos Mandarina, The Carbajo´s, O Capitán Garcio e os Piratas Cojos, Tranquilo Chulo, Os Garrido, Fame Nejra, Sorte e Pachanga´s Team.

Logo duns intensos e interesantes partidos, Tranquilo Chulo e Fame Nejra mediron forzas nunha das semifinais e ¡Sorte! e Pachanga´s Team fixeron o propio na outra, clasificándose para a gran final Tranquilo Chulo e ¡Sorte!, Mentres que Pachanga´s Team, equipo que contaba nas súas filas con xogadores do Amfiv, tiña que conformarse con xogar polo terceiro e cuarto posto con Fame Nejra, que acabaría impoñéndose na final de consolación.

Na loita por este II Torneo Amfiv Baloncesto Integral, a vitoria foi para o equipo ¡Sorte!, que melloraba o resultado obtido na primeira edición, na que fora subcampeón. A entrega de premios puxo fin a este intenso fin de semana de integración do baloncesto, contando na mesma coa presenza da deputada provincial Marta Iglesias, en representación da Deputación de Pontevedra.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram