O “3×3” chega ás Universidades Galegas

A Federación Galega de Baloncesto e as tres Universidades da nosa Comunidade estrean o proxecto “B3 Universitario – Galicia 2014”, competición 3×3 dirixida aos alumnos dos sete Campus Galegos, tanto en categoría feminina como masculina

Esta novidosa iniciativa, que a FGB emprende como pioneira entre as distintas Federacións Autonómicas, pon sobre a pista a numerosos equipos dos distintos Campus Universitarios de toda Galicia, promocionando e consolidando a práctica do Baloncesto na súa modalidade 3×3 e achegando aos seus participantes os valores que, dende a FEB, se transmitirán coa celebración no noso país do vindeiro Mundial 2014.

Estrutura da Competición e Debut
A Universidade de Vigo é a primeira en poñer en marcha o proxecto, do cal xa disputou este luns, 4 de marzo, os seus encontros de debut. Un total de 9 equipos abriron o B3, celebrando a primeira de dúas xornadas locais, previas á que será a Fase Final Autonómica.

Os participantes vigueses estrearon un formato competitivo que tamén se reproducirá proximamente nos restantes Campus, e que culminará nunha Fase Autonómica Final, cita definitiva na que se concentrarán os mellores clasificados de cada Universidade para dilucidar o título.

Programada para o 18 de abril, esta Fase Autonómica celebrarase no Campus de Vigo, pechando o curso baloncestísco 2012 – 2013 na mesma sede na que botou a andar.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram