O XIII 3on3 Carneiro ó Espeto, celebrado o venres, 26 de xullo, volveu superar as expectativas creadas e demostrou que o nivel deportivo alcanzado na cita morañesa vai en aumento ano a ano. Nesta ocasión a organización igualou o récord de participación con 44 equipos (12 júnior e 32 sénior con lista de espera para poder participar no torneo) e bateu o número de xogadores xa que ao redor de 200 xogadores déronse cita no pavillón municipal desde primeira hora da mañá.
En categoría júnior o gran dominador foi o equipo santiagués de Nice Move; no plano individual, Antón Bouzán fíxose co concurso de triplas e Nilo Barreiro co MVP. No colectivo, os santiagueses desfixéronse de Pelicans, subcampión. O terceiro clasificado foi o equipo vilagarciano de Iago Rei. Xa en categoría sénior, o equipo vallisoletano de Fuensaldaña foi o vencedor dun igualadísimo torneo, sen ningunha dúbida, un dos máis igualados e con maior nivel dos últimos anos. Completaron o podio A túa nai con bigote e Avispas Mañaneras, do ex ACB Borja Pérez.
Mención especial para os vigueses de Somos Superiores, nomeados equipo máis deportivo por unanimidade. Para eles o premio Termas de Cuntis, que lles permitirá gozar dun circuíto termal na vila de Cuntis. Un dos momentos máis emocionantes produciuse coa celebración de “A canastra das illas” xa que Octavio Iglesias loitou por irse de viaxe sen fortuna. Zafiro Tours patrocinou este espectacular e emocionante concurso.
Outro dos momentos máis agardado de cada ano constitúeno os concursos: os coruñeses Toni Seijo e Sergio Gómez fixéronse co 2ball; os triplos tamén se foron para Coruña con Toni Seijo como killer desta edición mentres que os mates teñen nome e apelido: Will Pereiro. O de Betanzos sufriu máis do esperado para derrotar a David Viruega (Valladolid) pero un espectacular último mate permitiulle aumentar a súa lenda en Moraña. Ninguén discute que é o mellor matador da historia do torneo.
O último galardón outorgado foi o de MVP. O mellor xogador desta edición recaeu no ex ACB Sergio de la Fuenta, quen realizou unha espectacular fase final do torneo, axudando de xeito decisivo a que o seu equipo fixésese co título. A entrega de trofeos estivo presidida por María Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña; acompañárona Arantxa Mallou (xogadora da LF2) e Casián García (Celtic Estores SL), en representación do grupo de entidades colaboradoras.
Mestura de baloncesto, gastronomía e lecer e amizade
Desde a organización quíxose destacar o exquisito comportamento de todos os participantes, aspecto que se repite ano a ano e é que este torneo fomenta uns valores de confraternidade e compañeirismo, por encima da competición.
Para iso, a tradicional comida na Carballeira de Santa Lucía volveu ser unha cita ineludible para todos. Durante todo o día sorteouse material deportivo, contouse cun outlet de material deportivo con espectaculares prezos e unha zona dedicada aos videoxogos e multideporte, co fin de ocupar o tempo libre de participantes entre partido e partido ademais de ofrecer ao público unha oferta para pasar todo un día en torno ao baloncesto.
Organización e participantes, coas vítimas
Esta edición do 3on3 Carneiro ó Espeto tamén será recordada polas mostras de solidariedade e respecto coas familias das vítimas da traxedia de Santiago. Por iso, a A.D.C. Espeto decidiu levar a cago unha serie de accións para mostrar a súa identificación con aqueles que están sufrindo.
O torneo iniciouse cun minuto de silencio; todos os xogadores, árbitros e membros da organización portaron un crespón negro durante todo o torneo e a competición paralizouse ás 12:00 horas, momento no que organización e participantes trasladáronse á praza do concello para formar parte da concentración silenciosa organizada polo Concello de Moraña. Sen dúbida algún o momento máis emotivo de toda a xornada.
A competición e as celebracións leváronse a cabo co máximo respecto e co recordo daqueles que están pasando por un momento tan delicado como leste. Desde a A.D.C. Espeto xa se traballa para a edición do 2014 coa intención de poder seguir crecendo e co firme propósito de realizar o torneo en dous días diferentes, un dedicado a categoría de formación e outro para categoría sénior.