Nova etapa para as Seleccións Galegas en categoría Infantil e Minibasket

A Federación Galega de Baloncesto dá a coñecer a identidade dos Seleccionadores para os combinados autonómicas en idade infantil e minibasket.

Configurando unha renovada estrutura, e coa vista posta en iniciar o traballo en pista a partir do mes de decembro, a Área deportiva FGB designa como os responsables directos de cada Selección a Ricardo Aldrey (infantil masculino), Nacho Silva (infantil feminino), Alberto Pérez Vidal (minibasket masculino) e Diana Piñeiro (minibasket feminino).

Os catro técnicos constan como colaboradores habituais da dinámica federativa, así como do ámbito de seleccións, faceta que afrontan dende xa coa máxima ilusión.

Infantil Masculino
Ricardo Aldrey, actualmente na disciplina do C.D.R. Ferrol; completou a súa intensa traxectoria como xogador de elite coa faceta de técnico. Como adestrador despregou labores de segundo técnico en liga EBA e principal en Primeira Nacional. Na 2012 – 2013 fixo as veces de axudante de Lino López no Universitario Ferrol (LF 2) e, na actualidade, milita no indicado C.D. Recimil.

Infantil Feminino
Nacho Silva suma o seu terceiro ano na dinámica de Seleccións FGB. Dúas temporadas ao fronte do equipo minibasket feminino, coroados cun cuarto posto no último Campionato de España avalan esta chegada á categoría infantil. A súa actividade diaria desenvólvea no R.C. Celta como adestrador axudante en Liga Feminina 2 e técnico principal en júnior feminino.

Minibasket Masculino
Alberto Pérez estende a súa vinculación coas Seleccións Galegas e a categoría mini masculina, etapa na que cumprirá tres temporadas, neste caso dando o salto á primeira liña do banco. Tras dous Campionatos de España como segundo adestrador, afronta este reto compaxinándoo coa súa experiencia ao fronte dun equipo mini no C.B. Liceo Vilagarcía.

Minibasket Feminino
Diana Piñeiro sube un chanzo máis na súa andaina da man das Seleccións Galegas. A adestradora de A.D. Cortegada é unha boa coñecedora desta parcela, lucindo ademais no seu palmarés unha medalla de bronce colleitada no pasado Campionato de España Cadete feminino. No seu haber: o seu papel como segunda adestradora das Seleccións femininas Minibasket (2010 – 2011), Infantil (2011 – 2012) e Cadete (2012 – 2013 e 2013 – 2014) ao longo dos recentes anos.

As Seleccións que a partir de hoxe lideran os catro novos técnicos FGB completarán o seu cadro técnico ao longo das vindeiras datas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram