Noia, sede para o xogo da Selección Española Feminina U20

A Selección Española U20 Feminina atópase na vila de Noia preparando a súa futura participación no Campionato de Europa. As xogadoras ás ordes de Anna Caula disputarán, desde este venres, no Pavillón Alonso Rodríguez, o II Torneo Internacional de Baloncesto Feminino “Vila de Noia”.

O Pavillón Alonso Rodríguez (Noia) acolle desde esta mesma tarde o II Torneo Internacional de Baloncesto Feminino U20 “Vila de Noia”, cita amigable entre catro das grandes potencias do baloncesto europeo: Rusia, Turquía, Francia e a propia España.

Os catro bloques afrontan esta competición como preparación para o Campionato de Europa que se disputará en Turquía no mes de xullo. O Combinado nacional U20 repite así este 2013 visita a Noia, localidade que se atopa envorcada con este equipo e que xa o demostrou este mércores durante a presentación do Torneo Internacional, evento no que estiveron presentes o Alcalde da localidade, Rafael García; a Concelleira de Deportes, Mary Domínguez; a Presidenta do C.B. Noia, Nucha Calvo, e os representantes da propia Selección U20: Jesús Blanco, xefe de equipo; Anna Caula, Seleccionadora; e Andrea Vilaró, capitá.

Tamén, xunto a eles, o Presidente de Honra da FGB, Paco García.O Club Baloncesto Noia está a facer un gran esforzo para que a selección se sinta cómoda e que todo saia o mellor posible. Sen dúbida, a localidade amosou ser un pobo acolledor durante estes tres últimos anos, etapa na que diferentes seleccións españolas de formación estanse concentrando nesta vila para preparar campionatos de Europa ou do Mundo.

Desde o club noiés, conscientes da importancia deste tipo de eventos para o fomento do deporte na súa zona e en toda a Comunidade, non dubidan en recoñecer que a súa “pretensión é ser un referente do Baloncesto feminino en Galicia”. E, seguindo esta liña de actuación, Club e Concello invitan aos afeccionados galegos a achegarse desde esta mesma tarde a gozar, completamente gratis, do II Torneo Internacional de Baloncesto Feminino “Vila de Noia”.

“II Torneo Internacional de Baloncesto Feminino U20 “Vila de Noia”

21/06/13
(18.00 h) Rusia – Francia
(20.00 h) España – Turquía

22/06/13
(18.00 h) Francia – Turquía
(20.00 h) España – Rusia

23/06/13
(18.00 h) Rusia – Turquía
(20.00 h) España – Francia

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram