Noia, sede para o xogo da Selección Española Feminina U20

A Selección Española U20 Feminina atópase en terras galegas afinando os seus motores. Na vila coruñesa de Noia, e recibindo un gran trato, o equipo de Anna Caula prepara a súa participación no Europeo da súa categoría (Debrezen – Hungría, 18/08/12 a 26/08/12)

A localidade galega está resultando un acolledor escenario para o combinado nacional, que terá a oportunidade de amosar o seu xogo no pavillón local (Pavillón Alonso Rodríguez). Será os próximos 3, 4 e 5 de agosto nun Torneo Internacional Amigable fronte ás Seleccións de Polonia, Holanda e Francia.

Coa presenza do alcalde de Noia, Rafael García Guerrero; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; a concelleira de deportes, Maricarmen Domínguez; a presidenta do Club de baloncesto Noia, Nucha Calvo; a seleccionadora española U20, Anna Caula; e a capitá da selección, a xogadora galega Claudia Calvelo; levouse a cabo na mañá deste martes o acto de presentación do Torneo Internacional de Noia, vila que está a ser a casa da Selección Española Feminina U20 desde o pasado 22 de xullo e onde disputará esta competición amigable.

No medio dun ambiente de ilusión por ver en acción a moitas das mellores xogadoras novas de Europa e con gran satisfacción por poder participar, unha vez máis, da preparación da Selección, os representantes institucionais e deportivos noieses agradeceron a presenza do equipo nacional e convidaron a todos os afeccionados da zona a gozar da mesma.

Pola súa banda, o presidente da Federación galega, Francisco Martín, agradeceu “á Federación Española e especialmente ao seu presidente José Luís Sáez polas continuas oportunidades que ofrece para que Galicia organice eventos que difunden o baloncesto”. Así mesmo, destacou “a capacidade da presidenta do C.B.Noia e, por suposto, do alcalde desta localidade, para organizar un torneo deste nivel”. Á súa vez, desexou a maior das sortes á Selección Española.

Fin de semana de probas
O Torneo Internacional de Noia será o primeiro test importante para España. Como rivais: Francia, unha das favoritas no próximo Europeo, Polonia e Holanda.

Para esta proba, Anna Caula notificou xa os dous primeiros descartes para o seu equipo: Paula Justel e a viguesa Leyre Carrascosa. Así mesmo, nas próximas semanas decidirá o último que deixe a lista defintiva en doce xogadoras para o Europeo.

O calendario completo do Torneo, que se levará a cabo no Pavillón Alonso Rodríguez e cuxa entrada será gratuíta, é o seguinte:

03/08/12
Holanda – Francia (18.00h)
España – Polonia (20.00 h)

04/08/12
Polonia – Francia (18.00 h)
España – Holanda (20.00 h)

05/08/12
Holanda – Polonia (18.00 h)
España – Francia (20.00 h)

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram