No Baloncesto Galego “SE PROTESTAS, NON ENCESTAS”

  • A Federación Galega de Baloncesto, continuando coa seu obxectivo claro de erradicar os comportamentos negativos e violentos das súas competicións, activa nova e pioneira campaña.
  • “SE PROTESTAS, NON ENCESTAS” comeza esta fin de semana e xa conta co interese de máis Federacións autonómicas para poder coñecelo a fondo e adoptalo nos seus territorios.

A campaña “SE PROTESTAS, NON ENCESTAS”, promovida pola Federación galega de Baloncesto, comezará a andar esta fin de semana en todas as competición organizadas pola Federación Galega de Baloncesto que contan con acta dixital.

A entidade federativa, comprometida ao máximo co fomento da práctica do baloncesto en contextos de máximo respecto e deportividade, pon en marcha esta iniciativa que permitirá xerar unha base de datos fonte de percepción sobre o nivel de conduta existente nos partidos de baloncesto.

Nesta primeira versión, a través de “SE PROTESTAS, NON ENCESTAS”, á finalización de cada partido o soporte virtual do proxecto recibirá os datos do mesmo e enviará un SMS aos árbitros e oficiais cunha ligazón para cumprimentar unha enquisa. Nesta solicitarase a valoración do nivel de conduta en diferentes áreas: banquiño, xogadores e público.

O proceso é moi sinxelo e áxil para tratar de conseguir un volume moi alto de datos e poder avaliar a situación do noso deporte.

Deportividade e tecnoloxía

A Federación Galega de Baloncesto estivo traballando nestes últimos meses na automatización e dixitalización de procesos que, mediante unha aplicación informática ligada á acta electrónica, posibilitan a activación de “SE PROTESTAS, NON ENCESTAS”.

Coa información recollida dos cuestionarios, unida aos datos de sancións disciplinarias que se almacenan nas actas electrónicas, xeraranse estatísticas de seguimento de percepción da conduta.

Esta suma de deporte, tecnoloxía e análise, pola que xa se teñen interesado máis federacións autonómicas no marco do baloncesto, permitiralle ao Baloncesto Galego afondar nos seguintes obxectivos:

Identificación, mediante estatística, de condutas non apropiadas nos campos de baloncesto, en especial, nos partidos de formación.

– Xeración de Informes Internos para os Clubs.

–  Coñecemento do nivel de tensión dos árbitros e protección da súa figura como valedores principais da correcta e respectuosa práctica deportiva.

– Proposta de Premios á deportividade e de accións formativas que complementen a outra gran campaña da FEGABA en prol do fomento de valores: O BALONCESTO EDUCA.

Remarcar o compromiso e soporte técnico imprescindible que Lidera Soluciones e Aquática Ingenieria civil ofreceron para poder levar a cabo todo o proxecto.

 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram