Nace o Proxecto “Galicia 2017 – Fundación Aíto García Reneses”

A Federación Galega de Baloncesto e a Fundación Aíto García Reneses emprenden un camiño, man a man, para converter a Galicia nun punto referente da formación.

A entidade federativa galega e a Fundación Aíto García Reneses, de recente creación, vinculan o seu traballo co obxectivo de organizar na nosa Comunidade, entre os días 26 e 30 de xuño do presente ano, unha dobre cita didáctica baixo a denominación “Galicia 2017- Fundación Aíto García Reneses” e que comprenderá un Campus para Adestradores e un Campus de Tecnificación para xogadores sub22, contando en ambos casos coa dirección de Diego Ocampo, adestrador galego do Joventut de Badalona.

diego ocampo

(Diego Ocampo. Foto: Divina Seguros Joventut)

Esta iniciativa, cuxos detalles concretos iranse coñecendo nas vindeiras semanas, concentrará en Galicia unha nova oportunidade formativa de alto nivel cun elenco de adestradores importante, completando ademais a oferta da propia Área Deportiva FGB, xa de por si ampla e de carácter itinerante.

Fundación Aíto García Reneses
A Federación Galega de Baloncesto colabora nesta ocasión coa Fundación Aíto García Reneses, institución nada grazas á inquietude do propio técnico que lle dá nome pola formación dos adestradores de baloncesto e polo fomento desta disciplina como medio de integración social dos colectivos mais desfavorecidos, así como do seu valor como hábito de vida saudable. 

O acordo coa FGB para promover un evento desta envergadura preséntase como unha gran plataforma para facer chegar ao colectivo de adestradores os coñecementos, valores e filosofía que Aíto vén aplicando durante a súa extensa traxectoria.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram