Nace o primeiro “Circuíto Galego de Baloncesto 3X3”

Trátase da primeira iniciativa para agrupar os diferentes torneos 3×3 que se celebran ao longo do verán en Galicia. Serán en cinco datas repartidos nos meses de xullo, agosto e setembro. Un novo concepto que conta co apoio dos torneos máis significativos da comunidade e que se disputará en todas as categorías posibles tanto en feminino como masculino e en categorías mini ata sénior.

Como gran novidade estes torneos serán puntuables para o circuíto FIBA 3×3 e ademais repartiranse máis de 3.000 € en premios.

A presentación deste Circuíto Galego tivo lugar este mediodía en Santiago na tenda de baloncesto “Tiro Libre SQC”, principal organizador deste evento. O acto contou coa presenza da xogadora do Sporting CP de Portugal, Arantxa Mallou; que actuou como madriña; e a do xogador de Obradoiro, Pepe Pozas, padriño tamén da iniciativa

A Federación Galega de Baloncesto, colaboradora deste Circuíto, estivo representada pola súa Secretaria Xeral, Susana Fernández; acompañada ademais de diferentes personalidades do basket galego.

Este Circuíto Galego de Baloncesto 3×3 xorde coa intención de incentivar a participación nos diferentes torneos que se disputan en Galicia durante o verán e pretende converterse nunha referencia do basket estival na comunidade.

En total disputaranse 4 torneos clasificatorios, con ao redor de 500 participantes, que se corresponden con algúns dos torneos con máis tradición de Galicia: Basket &Music das Pontes (9 e 10 de Xullo), 3×3 Tiro Libre de Boiro (23 e 24 de xullo), Carneiro ao Espeto de Moraña (29 de xullo) e o 3×3 UrbanBasket de Viveiro (6 e 7 de Agosto).
A gran final na que se reunirán os mellores equipos participantes celebrarase en Santiago de Compostela o vindeiro 11 de setembro na Praza da Quintana, estando incluída esta cita dentro do gran evento que organiza a Federación Española de Baloncesto, Praza 3×3, evento de referencia do baloncesto 3×3 en España.

Desde a organización quixeron destacar que o desenvolvemento deste Circuíto só sería posible grazas á predisposición dos diferentes torneos, ao apoio do Obradoiro CAB, C.B. Breogán e á colaboración da Federación Galega de Baloncesto e a FEB, así como o patrocinio das marcas K1X e Spalding.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram