Federación Galega de Baloncesto e Asociación Española de Adestradores de Baloncesto camiñan da man desde o presente mes de outubro. Coa confianza dos máximos responsables de ambas entidades, Federación e Asociación dan saída a un convenio de estreita colaboración que baixo a denominación “AEEB Galicia” amplía vías de traballo e evolución para os técnicos de toda Galicia
No marco deste novo acordo, AEEB e FGB unen forzas teóricas e prácticas para dar a coñecer entre os adestradores galegos os obxectivos da Asociación, abrindo renovadas posibilidades formativas a través da gran oferta didáctica que abarcan as actividades desta.
A área de Adestradores da FGB, e todos os técnicos galegos que a conforman, pasarán a ser unha peza importante para o traballo da AEEB na nosa Comunidade. A vinculación entre a Federación e a Asociación Española de Adestradores de Baloncesto deparará pois gratas novidades no campo formativo.
Altas expectativas
Ilusionados e confiados no horizonte positivo deste acordo, os representantes de FGB e AEEB deixaron claros os seus obxectivos na rúbrica do mesmo.
Francisco Martín, Presidente FGB; destacou a cristalización, a través deste convenio, da intención federativa de “dar un paso máis no que á oferta formativa para os adestradores galegos se refire”.
“A programas xa activos como a Plataforma do Adestrador Galego, o Claustro Docente e a Aula do Adestrador, engadimos agora maiores posibilidades a través deste acordo coa AEEB. Grazas ao mesmo os técnicos galegos terán á súa disposición novas e eficaces ferramentas para avanzar na súa formación”, manifestou.
A cabeza visible da FGB destacou á súa vez a importancia deste novo ámbito de actuación para aqueles homes e mulleres que se están iniciando como adestradores e que atoparán agora “un escenario punteiro para entrar en contacto, de xeito directo, cos compañeiros e profesionais de máis alto nivel”.
Pola súa banda, e satisfeito coa acollida deste acordo por parte da Federación Autonómica, amosouse o presidente AEEB, Juan María Gavaldá, quen non dubidou en afirmar que o proxecto “AEEB Galicia” nace entre as mellores expectativas e para “sumar a todo o bo que se fai xa na Comunidade e a través da Federación”.
“Queremos axudar a que todo o que o adestrador hoxe en día aquí en Galicia está desenvolvendo. Primeiro para que poida mellorar na súa formación e segundo que poida coñecerse no ámbito nacional e, por suposto, ata internacional todo o que se está facendo”, concluíu.