A “Aula Formativa do Adestrador Galego”, proxecto común da Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB dirixido aos adestradores galegos, convoca a súa última charla desta temporada, unha nova sesión teórica a cargo, nesta ocasión, do laureado técnico galego Moncho López, actual Coordinador de Baloncesto en FC Porto.
Esta última cita, que porá o perfecto broche a andaina 2012 – 2013 desta iniciativa, terá lugar o vindeiro domingo, 16 de xuño, concentrando a atención sobre os “Interiores e Exteriores. Adestramento das relación no xogo”, unha temática que, de seguro, fomentará o intercambio de opinións.
A sede desta última convocatoria será o Polideportivo Municipal da vila pontevedresa de Tui, dando comezo a mesma a partir das 17.00 h. A participación será de carácter aberto e completamente de balde, so precisando comunicar a asistencia a través do envío dos datos persoais de cada interesado a adestradores@fegaba.com
Validacións
Do xeito habitual, e continuando a oferta formativa levada a cabo ata o momento actual, os alumnos dos Cursos de Adestradores de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB, poderán validar a súa presenza nesta charla por un total de 3 horas de formación continua.