Mini2014: Galicia feminina loitará polo bronce

(Foto: FEB)

(Foto: FEB)

A xornada deste martes, 15 de abril, chegaba repleta de emoción e de opcións positivas para Galicia. En xogo dous fitos claves: a semifinal para a Selección Feminina e o cruce do ascenso ao Grupo Especial para a Selección Masculina. A sorte non nos acompañou en ningún dos dous casos, pero os nosos xogadores e xogadoras competiron ao máximo e, no caso feminino, mañá pode ser un gran día. A Selección de Nacho Silva está citada ás 09:00h do mércores para buscar a medalla de bronce. O rival, Madrid. A concentración e as gañas, a tope.

No apartado masculino, Galicia pechou esta tarde a súa actuación na edición do #Mini2014. Fíxoo con derrota ante Castilla León, perdendo así o premio do Ascenso ao Grupo Especial. O equipo de Fernando Buendía deuno todo sobre a pista pero a recompensa non foi posible. 

SELECCIÓN GALEGA MINIBASKET FEMININA

15/04/2014 – SEMIFINAIS

(13:30 h) Cataluña – Madrid (75 – 47)

(15:30 h) Galicia – Andalucía (47 -66)

Semifinais de campionato de España. Logo dun gran traballo nos partidos do seu grupo, Galicia enfrontábase a Andalucía no corte.

As andaluzas, ademais de contar cun moi bo equipo, cumpriu o que prometía dende o inicio: ser un rival forte que suscitaba situacións tácticas diferentes que podían poñer en problemas as nosas filas. Con todo, ata o descanso, Galicia soubo superar esta premisa e sen demasiados problemas, apoiándose nun bo traballo defensivo, chegaba ao final do terceiro sexto un punto por diante no marcador.

Tras a renovación, o partido endureceuse beneficiando e reforzando á escuadra andaluza. A mesma era capaz de, no cuarto parcial, abrir unha vantaxe importante para como se estaba desenvolvendo o partido.

Nestas, as de Nacho Silva nunca se deron por vencida e seguiron esforzándose ao máximo ante a posibilidade real de continuar buscando o pase á final.

Finalmente, na saída ao último sexto, un parcial favorable ás locais foi suficiente para que se levasen a vitoria. As nosas seguiron traballando ata o remate a pesar da derrota, unha actitude que manterán mañá ante Madrid na loita polo terceiro posto.

 

SELECCIÓN GALEGA MINIBASKET MASCULINA

15/04/2014 – CRUCES ASCENSO A GRUPO ESPECIAL

(17:30 h) Aragón – Navarra (71 – 57)

(17:30 h) Galicia – Castilla y León (65 – 69)

Afrontaban os nosos as semifinais do grupo Preferente coa maior ilusión por tratar de conseguir o ascenso a categoría especial. O encontro comezaba coa igualdade e exixencia esperadas nun partido destas características, aínda que os nosos acadaban pequenas diferenzas a medida que o tempo transcorría. Galicia era quen de anotar a base dunha boa defensa e de rápidas transicións, mentres que os leoneses baseaban o seu xogo no talento de xogadores puntuais.

Os pupilos de Fernando Buendía permaneceron por diante no electrónico na maior parte do encontro pero, xa entrados no derradeiro sexto, e tras varias perdas consecutivas respostadas cun par de triplas e algún contraataque, o equipo castelán situábase por riba, situación definitiva que Galicia, ao seu pesar, non puido remontar.

Selección Galega Minibasket Feminina
Selección Galega Minibasket Masculina

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram