Miguel Ángel Ortega, novo activo para a “Aula Formativa do Adestrador Galego”

– A “Aula Formativa do Adestrador Galego” regresa á actualidade este mes de febreiro a través dunha nova proposta de charla teórico- práctica, desfrutando, desta volta, do técnico Miguel Ángel Ortega na faceta de relator.

– Promovida por FGB e Obradoiro CAB, a “Aula Formativa” conta nesta ocasión coa especial colaboración de C.B. Culleredo, club que prestará todo o seu apoio para que a convocatoria sexa un éxito.

O Proxecto didáctico común de Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB, a “Aula Formativa do Adestrador Galego” propón nova sesión didáctica para este mes de febreiro, a cuarta destas características no que levamos de temporada 2013 – 2014. 

Contando coa presenza de Miguel Ángel Ortega, e elixindo como temática as “Utilidades Básicas da Táctica Individual”, promóvese esta convocatoria, a celebrar o vindeiro domingo, 16 de febreiro (17.00 h) nas instalacións do Polideportivo Municipal do Burgo (Culleredo).

Á Area de Adestradores da FGB, xunto a Obradoiro CAB, e coa colaboración de C.B. Culleredo, acompañarán a Miguel Ángel Ortega nesta particular iniciativa, na que o técnico catalán será o perfecto guía para os adestradores galegos en formación que desexen asistir.

Home de Baloncesto cen por cen; Ortega percorreu con este deporte múltiples categorías, tanto en masculino como en feminino e, de todas elas, extraendo sempre unha valiosa experiencia.

Dende o ano 1985, no que se iniciou como adestrador, atesoura un amplo currículo a nivel sénior, incluíndo fitos importantes que van dende a seu papel de adestrador e director Técnico ACB (1989 – 1990 e 1990 – 1991) no OAR Ferrol, ata a súa máis recente aventura como técnico en Liga Feminina (2012 – 2013) no Beroil Cidade de Burgos.

De seguro, a súa visión do Baloncesto, e en concreto da temática escollida para a charla (“Utilidades Básicas da Táctica Individual”) non deixará indiferentes aos presentes.

Inscrición e Validación formativa
Para solicitar a súa presenza nesta cita os adestradores galegos deben seguir o proceso habitual establecido dende a estrea da “Aula Formativa”. Completamente de balde, os interesados tramitarán a súa participación a través do email adestradores@fegaba.com, especificando nome, apelidos e DNI.

Destacar a posibilidade de validar esta charla por un total de TRES HORAS de formación para os alumnos dos Cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram