Miguel Ángel Hoyo, primeiro relator para a Aula técnico- formativa do R.C.Celta Baloncesto

O R.C. Celta Baloncesto presenta unha novo soporte didáctico orientado aos adestradores. Coa colabortación da FGB e da súa Delegación en Vigo, o club olívico pon en marcha a partir deste martes, 1 de maio, a súa “Aula Técnico Formativa”.

Orientada en primeira instancia aos propios adestradores do club, pero aberta tamén a técnicos doutros equipos ou entidades adscritas á Delegación Zonal FGB, o R.C. Celta dispón esta iniciativa, que irá crecendo a medida que avanza o mes de maio.

E para inaugurala, o R.C. Celta aposta por unha interesante charla baixo a guía de Miguel Ángel Hoyo e cos “Primeiros pasos da Táctica individual en formación” como centro temático.

A cita será este martes, 1 de maio, e virá ben completa de argumentos, combinando a teoría, a través dunha charla, co adestramento en pista. A sede, o Colexio Maristas de Vigo. A hora establecida: ás 12.00 h.

A asistencia e entrada a este primeiro chanzo da “Aula técnico – formativa” será completamente libre e de balde, ofrecendo ademais a posibilidade de validala por 2 horas de formación para os actuais alumnos dos Cursos de Adestradores de Nivel I e II da FGB.

Boa aposta para a estrea
Miguel Ángel Hoyo, adestrador superior e licenciado en INEF, conta cunha extensa traxectoria nos banquiños. Nado en 1973, iniciou a súa formación como adestrador en Basquet Coruña, dirixindo ás categorías inferiores e traballando como axudante do primeiro equipo para posteriormente, tras unha tempada no CB.Sarria, desempeñar labores tamén de adestrador axudante en Breogán Lugo e CB Granada durante sete tempadas. Na actual 2011 – 2012 comezou como director técnico do Club Ourense Baloncesto.

A súa dedicación ao traballo e a a súa implicación constante na mellora dos xogadores novos, punto de referencia en toda a súa carreira, avala a súa presenza na “Aula Técnico – formativa” viguesa, así como augura a mellor estrea para esta iniciativa, que se presenta como unha plataforma óptima para a formación dos adestradores da nosa Comunidade e que traerá consigo novas charlas ao longo do mes de maio.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram