Mario Cabanas e Miguel Ángel Pérez, no “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB”

O “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB” vivu este luns a súa terceira xornada. Crecendo en intensidade a medida que avanzan os días, o traballo do preto de cen xogadores que están a convivir na Residencia Aceimar (Vigo) contou ademais coa presenza de dous profesionais da elite do noso deporte: o pívot galego do Obradoiro CAB, Mario Cabanas; e o colexiado ACB e internacional FIBA e Director do Comité Galego de Árbitros, Miguel Ángel Pérez.

Aprendendo dos mellores
Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de xogar con Mario Cabanas e de compartir tamén con el tempo para charlar. As inquedanzas dos máis novos en torno ao día a día dun xogador ACB, os seus rivais favoritos, manías e rituais antes de saír á pista ou como é a súa rutina de descanso foron algunhas das cuestións ás que tivo que dar resposta o xogador coruñés.

Coñecendo o Regulamento
Pola súa banda, o Director Técnico do Comité Galego de Árbitros ofreceulles aos participantes unha charla teórico – práctica, apoiada en material audiovisual, sobre diferentes aspectos do regulamento.

As múltiples situacións de xogo que se dan sobre a pista foron analizadas polo colexiado internacional FIBA coa axuda directa de todos os xogadores e xogadoras, moi atentos e participativos. Así mesmo, o máximo responsable do CGAB lembroulles a importancia de manter unha comunicación positiva entre árbitros e xogadores en cada encontro, vital para que o xogo avance con normalidade.

E unha vez recollidos os consellos e ensinanzas dos convidados especiais deste luns, todos os xogadores retomaron o seu traballo en pista para pechar a tarde adestrando cos seus correspondentes grupos. Posteriormente descanso e cea, agardando xa a chegada dunha nova xornada. A destes martes, na que seguir recibindo novas visitas e sorpresas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram