Marín, sede para o XXXIII Campionato de España de Clubs Infantil Feminino

(Info: Concello de Marín) Na mañá deste martes 17 de xaneiro, tivo lugar a presentación e firma do Convenio de Actividades entre o Concello de Marín e a Federación Galega de Baloncesto, representadas ambas institucións pola Alcaldesa de Marín, María Ramallo; e o Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó. Ao acto asistiu o Club Baloncesto Peixefresco Marín co seu Presidente Javier Lage á cabeza e unha nutrida representación de xogadores do primeiro equipo LEB OURO: Miso, Múgica, Homs e Derkssen.

O prato forte do Convenio asinado entre ambas partes será a celebración por cuarta vez dun Campionato de España de Baloncesto nesta localidade, neste caso o XXXIII Campionato de España de Clubs Infantil Feminino, categoría concedida a petición do propio Club Baloncesto Peixefresco Marín polo importante aumento da súa canteira feminina nos últimos anos. O evento celebrarase entre o 10 e o 17 de xuño nos Pavillóns da Raña, Sequelo e Colexio San Narciso.

O resto de actividades do convenio comprende a celebración na vila de diferentes actividades deportivas FGB: II Torneo de Seleccións Autonómicas Minibasket, claustro de adestradores, concentracións das seleccións galegas cadete e infantil, a parte presencial de cursos de adestradores de nivel iniciación e as actividades de pretemporada do Colexio Galego de Árbitros.

DSCN5434

Alcaldesa e Presidente da FGB agradecéronse mutuamente a confianza de ambas institucións na aposta de Marín polo baloncesto coa sinatura deste convenio o cal, sen dúbida, converterá a Marín nunha das capitais galegas e nacionais do baloncesto durante o ano 2017.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram