Datas e sede confirmadas para a Fase Final da XXXIV Copa Galicia Sénior Feminina. A Federación Galega de Baloncesto, coa colaboración directa de Concello de Marín e Marín Peixe Galego, levará a disputa definitiva da competición copeira ata esta vila.
Co Pavillón da Raña como pista de xogo, terá lugar unha fase final que esta temporada, marcada pola situación sanitaria, presenta un calendario repartido en meses diferenciados.
A semifinal, que enfrontará a BAXI Ferrol e RC Celta Zorka Recalvi, como os dous mellores equipos da Fase Previa, celebrase este próximo luns, 12 de outubro (18.30 h). A cita será a porta pechada e con retransmisión a través de FEGABA TV, a canle streaming da Federación Galega de Baloncesto.
Pola súa banda, a final, para a que xa está clasificado directamente o Durán Maquinaria Ensino pola súa condición de equipo de Liga Feminina Endesa, terá que agardar ata o 16 de febreiro do vindeiro 2021. Nesta data coñecerase quen se fai cunha XXXIV Copa Galicia que na súa pasada edición foi a parar ás vitrinas do Ensino, tras victoria ante o RC Celta.