A celebración deste Torneo, organizado este luns polo C.B. Arxil, coincidiu coa última data na que estivo presente en Pontevedra o Road Show da Federación Española de Baloncesto.
Once colexios de Pontevedra, representados por máis de 1000 rapaces, converteron este luns a súa cidade nunha festa do Baloncesto con 31 pistas de xogo a pleno rendemento durante toda a mañá. No centro de atención dous eventos que compartiron espazo e boa sintonía: o Road Show da FEB e a celebración da décimo terceira edición do “Día do Baloncesto. 3×3 na rúa”, organizado por C.B. Arxil.
A Avenida Montero Ríos e a Praza de España foron o escenario principal de ambas as actividades, as cales contaron coa presenza de Fernando Romay, que permaneceu na localidade pontevedresa dende o sábado, 3 de maio; facendo as delicias de todos os xogadores e afeccionados que se achegaron a coñecer o Road Show.
(Foto:FEB)
Esta actividade itinerante de promoción para a Copa do Mundo 2014, que gozou de elevado éxito de convocatoria, acompañou así durante o luns ao xogo do milleiro de alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria que o C.B. Arxil reuniu coa colaboración de Concello, Deputación de Pontevedra, Federación Española de Baloncesto e Federación Galega, entre outras institucións.