O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias; recibiron este martes no Pazo Provincial á nova presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar; que estivo acompañada polo titular da Federación Galega, Julio Bernárdez. Participaron tamén nesta audiencia o secretario xeral FEB, Gabriel Rodríguez; e os vicepresidentes FGB, Ramón Lago e Miguel González.
Durante o encontro, os dirixentes felicitaron a Aguilar polo seu recente nomeamento e polo feito de ser a primeira muller en dirixir o baloncesto español.

O encontro serviu tamén para coñecer os proxectos nos que están a traballar ambas as dúas federacións. Neste sentido, Luis López remarcou que o apoio ao deporte é un dos piares do goberno da Deputación, como se demostra co incremento da partida destinada á área de Deportes no recentemente aprobado Orzamento, que aumenta un 19 %, ata os 5,5 millóns.
López e Fernández-Tapias comprometéronse tamén a colaborar cos entes federativos en todas as iniciativas que sexan beneficiosas para o baloncesto pontevedrés.