Lugo e Santiago, en marcha co “B3 Universitario – Galicia 2014”

Os Campus Universitarios de Santiago e Lugo activarán a próxima semana a súa participación no programa “B3 Universitario – Galicia 2014”, acción pioneira levada a cabo, conxuntamente, entre as Universidades Galegas e coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto.

Co “B3” xa implantando na Universidade de Vigo durante o pasado mes de marzo; é agora a USC a que abre a toda a súa Comunidade Universitaria a posibilidade de tomar parte nesta competición, ferramenta perfecta para estender a práctica e os valores do Baloncesto 3×3 a novos ámbitos.

A cidade da muralla vivirá a súa fase local deste “B3 Universitario – Galicia 2014″o vindeiro martes, 9 de abril; permanecendo aínda aberto ata o luns, 8 de abril, o prazo para solicitar a participación na mesma. (información: Servizo de Deportes). Pola súa banda, na capital galega a cita terá lugar o xoves, 11 de abril; sendo o 10 de abril a data tope para tramitar a inscrición.

En ambos os casos, os equipos, tanto masculinos como femininos, serán protagonistas de sendas fases locais, que culminarán, posteriormente, nunha Fase Autonómica, a celebrar no Campus de Vigo o vindeiro 18 de abril.

Dende a FGB, permaneceremos ben atentos ás evolucións deste “B3 Universitario – Galicia 2014” nas súas distintas localizacións: Vigo, Lugo, Santiago e Ferrol, esta última da que coñeceremos os seus detalles moi pronto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram