Lucas Mondelo e Miguel Ángel Pérez, protagonistas na estrea da Aula Formativa do Adestrador Galego 2013 – 2014

A “Aula Formativa do Adestrador Galego” terá na XXVIII edición da Fase Final da Copa Galicia (21 e 22 de setembro, Pavillón Multiusos Fontes do Sar) un marco de excepción para levar a cabo as súas dúas primeiras convocatorias da temporada 2013 – 2014.

Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB, impulsores, por segunda temporada, do proxecto “Aula Formativa do Adestrador Galego”, e co organizadores da Fase Final da Copa Galicia, acompañarán os encontros de semifinais e final desta cita de dúas charlas formativas de auténtico nivel, a celebrar na pista auxiliar do Multiusos Fontes do Sar.

O actual campión de Europa coa Selección Española Sénior Feminina e adestrador do Shanxi Xing Rui Flame chino, Lucas Mondelo; e o Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Colexiado Internacional FIBA e Adestrador Superior, Miguel Ángel Pérez, serán os protagonistas de dous coloquios, que servirán de previa a cada xornada de xogo:

Pautas Árbitrais nas Ligas FGB
O máximo representante dos colexiados galegos, Miguel Ángel Pérez; empregará o sábado, 21 de setembro, ás 16.00 h, toda a súa experiencia internacional e nacional, con 14 temporadas ACB ás súas costas, para compartir cos participantes “o criterio arbitral nas competicións FGB”. Adestradores, colexiados e afeccionados poderán presentar as súas inquedanzas ao Director Técnico do CGAB, a mellor referencia para coñecer as vixentes pautas arbitrais.

Lucas Mondelo, cos Adestradores Galegos
O domingo, 22 de setembro, como paso previo á gran final da Copa, será a quenda do actual Seleccionador Sénior Feminino, Lucas Mondelo. A Intervención do adestrador catalán iniciarase ás 10.00 h e versará sobre “como penalizar o scouting: alternativas e detalles no xogo ofensivo”. Toda unha oportunidade de coñecer de primeira man as impresións do técnico europeo co mellor palmarés dos últimos anos.

Inscrición e Validación
Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB volven a abrir, de xeito gratuíto, a participación nas actividades da Aula Formativa do Adestrador Galego. Deste xeito, os interesados en tomar parte desta inauguración da temporada unicamente deberán solicitar a súa presenza a través do email adestradores@fegaba.com, especificando nome, apelidos, DNI e se asistirán a unha ou ás dúas charlas programadas.

A validación de horas de formación para os alumnos dos Cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB volve tamén a estar presente na Aula Formativa 2013 – 2014, concedendo, neste caso, tres horas de formación pola asistencia a cada coloquio.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram