
O director xerente do grupo hospitalario, Rafael Silva, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, renovaron o programa de patrocinio anual da entidade deportiva
Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, e Rafael Silva, director xerente dos Centros Sanitarios La Rosaleda, renovaron o convenio de colaboración mediante o cal o grupo hospitalario patrocina as categorías cadete, infantil e mini, tanto masculinas como femininas, das seleccións galegas de baloncesto.
O convenio dá continuidade á relación que xa viñan mantendo ambas entidades desde o un de decembro de 2014 e que resultou “sumamente satisfactorio” tal como explicou o director gerente da Rosaleda na presentación.
Rafael Silva asegurou que é “un orgullo que as mozas e mozos da selección leven o nome da Rosaleda por toda España” e recordou a “especial implicación” do grupo que representa “co deporte en xeral e co baloncesto en particular”, tanto en categorías basee como “ao máis alto nivel” e tanto no ámbito deportivo como no sanitario, “dando cobertura non só ás lesións deportivas senón facendo un labor de prevención e correctiva esencial para o correcto desenvolvemento deportivo de calquera persoa”
O presidente da FGB, Francisco Martín, resaltou tamén a importancia da cobertura que presta A Rosaleda “no ámbito da prevención médica coas exhaustivas revisións ás categorías inferiores que permiten que o risco se limite a unha lesión pero non a un problema previo”, e agradeceu o “apoio de La Rosaleda tanto a nivel persoal como da propia Federación”.
O presente convenio ten vixencia por un ano, prorrogable “por períodos anuais sucesivos”, e permitirá aos Centros Sanitarios La Rosaleda continuar o seu labor de mecenado e apoio ao deporte, especialmente ao deporte base “que xoga un papel esencial no desenvolvemento físico e psíquico dos nosos mozos”.