La Rosaleda patrocinará as categorías base das seleccións galegas FGB

– O director xerente do grupo hospitalario e o presidente da Federación Galega de Baloncesto asinaron esta mañá o convenio.

– La Rosaleda xa era o centro encargado das revisiones médicas aos deportistas federados.

Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, e Rafael Silva Agregán, director xerente de La Rosaleda, asinaron este mércores un convenio de colaboración entre ambas entidades mediante o cal o grupo hospitalario compostelán patrocinará as seleccións galegas das categorías cadete, infantil e minibasket, tanto masculinas como femininas.

O convenio, que ten vixencia por un ano prorrogable por outro, supón un paso máis na “estreita vinculación que La Rosaleda ten co baloncesto a través do Obradoiro”, tal e como explicou o seu director na sinatura. Rafael Silva mostrou a súa “satisfacción” porque a Federación Galega de Baloncesto pensase neles para este patrocinio e mostrou a súa disposición a “manter a colaboración no tempo” especialmente tendo en conta que se trata de “apoiar o deporte base”.

O Hospital La Rosaleda xa estaba vinculado á Federación Galega posto que é o centro onde se realizan os recoñecementos médicos aos federados, tal como recordou o presidente da FGB, Francisco Martín, quen insistiu na necesidade de continuar con estas probas médicas “esenciais para todos os deportistas” e insistiu na necesidade de que “todas as entidades deportivas, e ata os pais, tomen conciencia da importancia destes recoñecementos e llos realicen aos mozos deportistas”.

Martín agradeceu “a confianza e o apoio de La Rosaleda e do seu director” e prometeu que “as súas expectativas non se verán defraudadas e que as seleccións galegas darán a talla, como fixeron nestes anos”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram