Julio Bernárdez toma posesión como novo Presidente da Federación Galega de Baloncesto

Paco Martín e Julio Bernárdez, no intre do traspaso da presidencia

Julio Bernardez (Vigo, 1958) foi nomeado oficialmente este xoves como novo presidente da Federación Galega de Baloncesto (FGB)

Tras vencer nas eleccións, celebradas o pasado 8 de febreiro; a Xunta Electoral proclamouno hoxe, de xeito definitivo, como Presidente, dando así por finalizado o proceso electoral.

O novo Referente federativo tomou posesión do seu cargo nun acto celebrado na sede central da Federación Galega de Baloncesto en Santiago. No mesmo estivo respaldado polo presidente saínte, Paco Martín; polo seu equipo directivo e pola súa familia.

En primeira instancia, o xa Presidente da FGB quixo agradecer a Paco Martín, e a todo o seu grupo de traballo, a labor e dedicación durante as pasadas catro lexislaturas nas que o Baloncesto Galego deu un importante salto adiante.

Julio Bernárdez definiu a súa toma de posesión como un momento “profundamente emocionante”. Nesta liña, o novo máximo mandatario da Federación Galega de Baloncesto recoñeceu a posibilidade de ostentar a representación federativa de todos os xogadores, adestradores e árbitros como a “máis alta honra” para un deportista.

Bernárdez manifestou a intención de cumprir os obxectivos do seu programa electoral do xeito “máis profundamente posible”, contando ao fronte da Federación con novo equipo directivo conformado por personas de ampla “capacidade e formación”.

Paco Martín, pola súa banda, salientou que o relevo da presidencia que hoxe realizou “cae en moi boas mans”. “Coñecendo a Julio e á sua forma de traballar e seriedade, non queda máis que desexar o maiores éxitos” para o Baloncesto Galego.

O Presidente saínte tivo tamén o seu recoñecemento á figura de Paco García, actual presidente de Honra da Federación Galega de Baloncesto e presente na toma de posesión.

Xunta directiva 2022 – 2026

Na nova etapa que hoxe comeza oficialmente ao temón da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez estará acompañado por unha xunta directiva que estivo presente ao completo no acto de toma de posesión. Esta queda conformada do seguinte xeito:

Tesoureiro: Ramón Lago Álvarez.

Vicepresidente 1º: Ramón Lago Álvarez.

Vicepresidente 2º: Miguel González López Mosquera.

Vicepresidenta 3º: Susana García Senra.

Vogais: Fernando Pérez Lorenzo, Alejandro Alcalde Varela, Jose M. Villamarín Couto, Antonio Lorenzo Fernández e José A Cobelo López.

Secretario Xunta Directiva: Miguel González López Mosquera.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram