Javier Cotelo, Seleccionador Mini Masculino: “Non é tan importante como quedemos clasificados coma o desfrutar de cada momento”

Reflexionamos con Javier Cotelo sobre os obxectivos e as perspectivas de Galicia no #Mini2016 Masculina. Os nosos xogadores compartirán a fase previa do Campionato co Grupo Especial B ante Cataluña, Andalucía, Illas Baleares e País Vasco. 

– Cinco anos despois da túa primeira experiencia como seleccionador galego cadete, regresas a un Campionato de España, neste caso de categoría Mini. Cales son as sensacións?

A primeira verba que me ven a cabeza é ilusión, considero que a categoría mini é unha das máis importantes na formación dun xogador, onde se asentan e interiorizan moitas das cuestións básicas, polo tanto onde un adestrador pode influír máis e conseguir chegar máis directamente ao neno. Poder facelo con nenos con unhas grandes calidades e talento é un autentico privilexio.

– O voso grupo de competición con Cataluña, Andalucía, Baleares e País Vasco, e máis que esixente… Como chegan mentalmente os nosos minis?

Pois…. como lle digo sempre, o seus peores inimigos poden ser o seus propios medos, o fracaso, o erro, a impotencia, etc… están nas súas mentes, pero para superalas e desfrutar da experiencia, deben entender que forman parte do deporte-xogo. E que, ademais, son os mesmos medos, fracasos e frustracións que poidan ter os cataláns, vascos, andaluces e baleares. Non é tan importante como quedemos clasificados, coma o desfrutar de cada momento que nos vai dando a competición e aprender do bo e do malo do noso xogo.

– Defender un estilo propio no Grupo Especial é sempre tarefa dura. Cales son os principais puntos positivos do voso xogo?

O longo de todo o proceso de selección, discutimos no equipo técnico en que tipo de xogador deberiamos levar o campionato e chegamos a conclusión de que debiamos levar os xogadores con mais talento, non dándolle preferencia as características físicas exclusivamente. Polo tanto agora o noso xogo debe ser coherente con esta decisión e permitir que os nenos xoguen coas características que xa teñen. A nosa tarefa consiste en potencialas e animalos a que sexan eles mesmos, que xoguen como o farían no seu club, e por outra banda que interactúen entre eles dun xeito ordenado, sen demasiadas normas, pero si moi claras.

– Dobrades partido en dúas xornadas consecutivas, pode ser este un hándicap?

A verdade é que o calendario para nada é o mellor, pero non lle podemos facer nada, así pois o mellor que podemos facer e verlle o lado positivo que é que antes dos cruces co outro grupo temos un dia sen competición que nos pode servir para recuperarnos do esforzo e do esgotamento psicolóxico de ter que dobrar partidos dous dias consecutivos.

– Con todas as premisas previas ben estudadas, cal é o voso obxectivo para este Mini2016?

Somos moi esixentes cos xogadores e “presionamos” moito os nenos… para que DESFRUTEN moitísimo e se DIVIRTAN moitos máis. Tendo claros estes obxectivos o seguinte que queremos acadar é a permanencia no grupo especial, onde están as seleccións mais potentes, a partir de aquí o que suceda será un gran premio.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram