IV Torneo CB Irmandiños

O pavillón do Colexio de Esteiro reunirá esta próxima fin de semana (12 e 13 de abril) a catorce equipos e máis de cento cincuenta xogadores no IV Torneo CB Irmandiños, unha iniciativa organizada polo propio club que lle dá nome e que se afianza xa como o maior torneo de baloncesto en categorías de formación da cidade de Ferrol.

Máis aló da competición, o IV Torneo CB Irmandiños segue tendo como máxima aspiración que os nenos e nenas, técnicos e afeccionados gocen durante dúas xornadas cheas de partidos, xogos e concursos coa canastra e un balón como únicos protagonistas.

A sesión do sábado, 12 de abril; está centrada nos máis pequenos das categorías benxamín (8 e 9 anos), e alevín (10 e 11 anos), que disputarán nun formato cuadrangular os seus partidos. Dentro dos oito equipos participantes estarán representantes de clubs de ampla tradición na comarca de Ferrolterra como Pontumio, Tirso de Molina, Escola Ricardo Aldrey, Universitario e por suposto os conxuntos do equipo anfitrión, Esteiro Irmandiños.

O domingo chegará a quenda das categorías cadete (catro equipos) e júnior (dous equipos). Como xa é habitual, nun intento por ampliar fronteiras baloncestísticas e estreitar lazos con equipos doutras delegacións, nesta ocasión o torneo CB Irmandiños terá o pracer de acoller aos equipos cadetes de Rosalía de Castro (Santiago) e Branco Amor (Ourense), clubs que traballan no impulso e desenvolvemento do baloncesto de formación na nosa comunidade e que compartirán cartel con Mercedarias e CB Irmandiños. Na categoría júnior os participantes serán os equipos do CB Irmandiños e o Ferrol CB.

Desde o Club Baloncesto Irmandiños, desexan agredecer a implicación pública (Concellería de Deportes de Ferrol e Secretaria Xeral para o Deporte) e privada (Parque Ferrol, Gadis e Masajes Fernanda) así como a AD de Esteiro. Todos eles de forma desinteresada contribuíron con material para a comida que a organización facilitará a todos os participantes así como os premios para os ganadores e finalistas dos diferentes concursos, ademais dos obsequios que recibirán os máis pequenos na clausura da xornada do sábado.

Igualmente a organización quere destacar a colaboración por parte do Real Madrid, que por medio da súa Fundación atopou tempo para colaborar co CB Irmandiños e o seu torneo a través dun lote de material.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram