A Federación Galega de Baloncesto, a través da súa Delegación en Ourense, fixo entrega o pasado venres, 20 de decembro, do principal galardón do seu IV Certame de debuxo “O Nadal e o Baloncesto”, concurso mediante o que se elixiu a Postal oficial de Nadal FGB.
A xogadora infantil Laura Álvarez González, da familia do C.B. Blanco Amor, vencedora da actual edición do Certame, recolleu o seu merecido 1º premio de mans da representante da FGB en Ourense, María Varela; e arroupada por todos os seus compañeiros e compañeiras de equipo.
Laura, que se amosou en todo intre agradecida polo recoñecemento, recibiu como agasallo un vale para a adquisición de material deportivo por valor de 100 euros, así como dous especiais detalles cortesía de “la Caixa” e Federación España de Baloncesto.
A xogadora, ilusionada coa entrega, foi partícipe tamén das felicitacións da súa familia, do seu club e da representante federativa.
Galería de Imaxes
A Postal creada por Laura Álvarez González encabeza un numeroso grupo de traballos ideados este ano por xogadores e xogadoras de toda Galicia no marco do IV Certame de debuxo “O Nadal e o Baloncesto”, e entre os cales quixemos seleccionar os máis curiosos para a súa consulta nesta Galería de Imaxes.
Lembrar que todas as propostas presentadas para a súa participación neste IV Certame recibirán, en agradecemento polo seu esforzo, un detalle que poden recoller xa nas súas Delegacións zonais correspondentes.