Enmarcado no Campionato de España de Clubs Cadete 2013 de Ferrol, Federación Galega de Baloncesto e Ferrol C.B., coa colaboración da Federación Española de Baloncesto, promoveron este mércores unha mesa redonda ao redor da que debater sobre a “incidencia das regras de xogo no Baloncesto de Formación”.
Liderado este debate polo Director Técnico do Comité Galego de Árbitros, Miguel ángel Pérez, compartiron opinións co público que se concetrou no Salón de Actor da Universidade de Ferrol: o adestrador de Rivas Ecópolis, José Ignacio Hernández; o xornalista Paco Torres; o membro do gabinete técnico da FEB, Manuel Aller; o responsable arbitral da FEB Víctor Mas e Director do Área Deportiva FGB, Carlos Colinas. Xunto a eles, e en representación directa do presidente FGB, participou José Manuel Villamarín, Vicepresidente FGB.
(info: FEB)
José Ignacio Hernández recurriu á súa experiencia en Europa para explicar o problema das regras. “En Europa permítese máis que en España o tema do reverso”, comentou. Ao mesmo tempo, engadiu que “os adestradores traballamos menos o reverso pola razón de que se pitará. Non é o mesmo o control do corpo dun xogador profesional ou dunha persoa adulta que o dun mozo de 16 anos”
A Regra dos pasos, analizada
O xornalista Paco Torres comentou a posibilidade de cambiar a regra do reverso. Recordou que fai dous anos “pedín que se deixase dar un terceiro paso ou corriamos o risco que se deixase de ver reversos”. Torres analizou que “os mozos pequenos ven moita NBA e eles fan o que ven.”
Víctor Mas comentou que coa regra dos pasos “inténtase conseguir que non se gañe unha vantaxe de forma ilegal. Deberiamos intentar ensinar algo que sexa legal”. Para o responsable arbitral da FEB, os árbitros “temos que traballar o tema dos pasos, en ben do espectáculo e ten que ser en función á calidade dos que participan. Hai que traballar e que cando se piten os pasos, estes o sexan”
Xogo sen Balón e Minibasket, tamén protagonistas
Pola súa banda, Carlos Colinas realizou un relatorio acerca do xogo sen balón e a súa importancia. O adestrador do Celta Selmark recalcou que “no xogo sen balón, o que se marca ao xogador é que use o corpo para gañar. Un xogo sen balón implica un movemento de pés bo, ademais de castigar a distancia de axuda”. O tamén director da Área Deportiva FGB destacou que “hai máis infraccións sobre o xogo sen balón dun xogador que un xogo con balón. Cando se sinaliza, non se analiza a influencia no xogo, senón a infracción que pode cometer o infractor”
A conferencia, tamén coas sensacións de Carlos Colinas ao respecto, pechouse con cuestións sobre as situacións que se dan no minibasket, incidindo nalgúns aspectos como as defensas ou a arbitraxe.